Quantcast
Channel: A Nosa Historia
Viewing all 63 articles
Browse latest View live

Arde Lucus, a historia viva

$
0
0

Arde Lucusé a festa da historia da cidade de Lugo (Lucus Augusti). Durante o fin de semana do 25 ao 27 de xuño, Lugo volve ás orixes e de novo xurde a castra (campamento romano), o circo romano, os príncipes coporos (populus castrexo do interfluvio Ulla Tambre), as vodas castrexas, as lexións romanas, etc... Un festa, hoxe en día, imprescindible.


Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

A memoria de Bóveda, contra os “arrecastados”

$
0
0

De novo a memoria viva do noso país peta na mesa.
Un ano máis, recordando a barbarie da dereita española no ano1936, que segou a vida de galegos coma Ánxel Casal e Alexandre Bóveda máis a ilusión dun país, os galeguistas supervivintes daquel tempo atroz e bestial reivindican o ser galeg@s.
Logo de 70 anos, seguen orgullosos do noso.

Unha aperta irmáns.
Ler máis en Xornal.com

Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

Os Templarios nas terras do Ulla e Tambre

$
0
0
Fresco Capela de Cressac. Francia
Os Cabaleiros Templarios, aqueles monxes guerreiros da Orde do Temple, fundada en Xerusalén no 1119, aqueles que foron os organizadores e arietes das cruzadas na Terra Santa, que ocuparon as ruínas do Templo de Salomón (o Centro Sagrado do Universo, onde comparten tradicións comúns as diferentes relixión do mundo mediterraneo; Cristiá, xudeo, musulmana) e fixeron da mezquita de Al-Aqsa a súa base de operacións militares, foron a orde militar-relixiosa máis poderosa do seu tempo, protexidos polos papas, as súas propiedades e as súas riquezas contrastaban co voto de pobreza que cada templario tiña que xurar, eran ao mesmo tempo banqueiros e prestamistas (seica a baixo interese) de nobres e reis da cristiandade, o Temple era obxecto continuado de importantes doazóns e exencións fiscais, e os seus Mestres eran conselleiros reais (Jaime I de Aragón foi criado polos templarios). Estas riquezas, o seu poder político e os seus ritos secretos (esoterismo (1))causaron a súa desaparición no 1312 a través da bula Vox in excelso do Papa Clemente V, presionado polo rei Felipe IV, O Fermoso, soberano francés necesitado de cartos para reflotar as súas deterioradas arcas reais. Os templarios foron acusados de herexía, de sodomía e idolatría e a orde foi abolida.


O Gran Mestre da orde en Francia, Jacques de Molay, acabou na fogueira por orde de Felipe IV, corría o ano 1314, comezaba a caza do templario e tamén o misterio que os ía a envolver ata os nosos días (no século XVII difúndese a nova de que o Gran Mestre antes de morrer, entregaríalle a reliquia máis preciada do Temple un dedo de San Xoan Bautista, así como a chave que abría a caixa onde se atopaban os documentos fundamentais do Temple a un sobriño). Extraoficialmente os templarios pasaban á clandestinidade, empeza a súa lenda de misterio, principia a súa sona de secretismo, oscurantismo, esoterismo (2).

A partir da bula papal, todo o relacionado co Temple cae en desgraza, os templarios son perseguidos, sobre todo en Francia, e bórranse dos arquivos da época case toda a documentación relacionada coa orde. As súas propiedades e riquezas pasarán oficialmente á Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Xoan de Xerusalén, a sonada Orde de Malta, non obstante nos reinos da península ibérica, ata 1319 que o Papa Xoan XXII outorga os o bens do Temple á Orde de Malta, a maioría das propiedades templarias xa pasaran a mans do sector nobiliario.

E será esa caída en desgraza e o borrado de arquivos e documentación templaria a causante de que, hoxe en día, comecemos, paseniño, a coñecer as pegadas dos Templarios no reino de Galicia. Estudios de Carlos Pereira Martínez e de Sánchez Sánchez descúbrenos o pasado da Orde do Temple nas nosas terras.

Sepulcro de Fernando II na Catedral de Santiago

Pereira Martínez nos resume brevemente os comezos da Orde do Temple no reino de Galicia (3) ;

A chegada dos templarios ao noso país produciuse a mediados do século XII, aparecendo referencias á súa presencia nas terras de Celanova en 1142.
Por iniciativa de Fernando Pérez de Traba (fillo do Conde de Traba, Pedro Froilaz) chegarán á comarca das Mariñas dos Freires. Fernando de Traba, estando axuntado coa raíña Tareixa de Portugal, fai aos templarios daquel reino varias doazóns, como Soure (Portugal), xa en 1128, e logo peregrina en dúas ocasións a Terra Santa, onde coidamos que seguiría a manter contacto coa Orde, estando interesado, ao seu regreso, en que os monxes-cabaleiros se establecesen no Burgo de Faro, núcleo urbano e portuario (fundado por Afonso VII) no cal fundarían a súa máis importante sé, non só de Galiza, senón de todos os reinos hispanos, a bailía do Faro, a Igrexa do Temple do Burgo ( Cambre) sería a súa base de oracións.

Casa templaria de Ventosa, Centroña (Pontedeume)

A partir destes asentamentos, a Orde do Temple comezará a estender os seus dominios por toda Galicia, creando bailías ou encomendas en Betanzos (A Coruña), Sanfiz do Hermo (Guntín-Lugo), Neira (Láncara-Lugo), Amoeiro (Ourense), Canabal (Sober-Lugo), Coia (Vigo- Pontevedra) (4) , Lendo (Laracha) e San Sadurniño (5)..

Hai probas documentais da existencia de casas templarias en vilas importantes, naquela época, coma Palas de Rei (Vilar de Donas, moi posiblemente, sería unha das igrexas do Temple cedidas á Orde de Santiago), ou Ribadavia, e igrexas, casais, casas e terras na costa; Miño, Illa Coelleira; na zona de Sobrado: Guisón, Vilarino en Ourense en Borobás, Cea, (6), .. ., Tres casais e cuarta parte da igrexa en Prado (Lalín) (17), a igrexa de Santa María de Noceda (Lalín)(18).  E por suposto nas terras do cabildo de Santiago de Compostela (7) .

Hai constancia documental de bens templarios no Salnés, Moraña e Arcos da Condesa (Caldas de Reis) (8) , en Santiago de Ois (Coirós)(9).

Detalle da Porta de Santa María do Temple de Melide

A presenza dos templarios é norma xeral en moitas comarcas galegas,i e que o Temple na nosa terra coma noutros reinos da península axuntouse coa monarquía. Fernando de Traba (como seu pai Pedro de Froilaz que fora aio do emperador Afonso VII) foi titor do rei galego Fernando II, as ideas daquel deberon influír nas decisións reais, xa que o Mestre Guido da Guarda, templario, acompañou ao rei durante varios anos figurando entre os confirmantes de numerosos documentos do monarca, entre eles o Tratado de Rioseco (1181), onde se asina a paz e se establecen as fronteiras entre o reino de Galicia e León e o de Castela, asinando pola parte castelá o rei Alfonso VIII que tiña entre os seus confirmantes o, tamén, Mestre da Orde do Temple Rodrigo (10) . Con Fernando II, os templarios loitarán contra os almorábides pola conquista de Alcántara, Cáceres ou Coria.


Porta de Santa Maria do Temple de Melide
 Sánchez na súa obra A Orde do Temple na vila de Melide, pescuda nos Fondos López Ferreiro, do Sancti Spiritus de Melide, do Arquivo da Catedral de Santiago, as pegadas dos templarios na Terra de Melide e comarcas veciñas, grazas á breve frase de; que foron da Orde do Tenpre, puido rastrexar as diferentes propiedades que tivo o Temple na zona. A modo de exemplo, nun preito do 1384 sobre a donación do conde Pedro das herdades ao mosteiros de Sancti Spiritus recóllese en galego medieval (11):

….o couto de Basadrea et as casas da Vila de Milide et herdamentos e casas et chantados et moynos et prestamos et benefiços que foron da Orde do Tenpre et lle perteçian ena vila de Milide et en terra d´Aveancos et de Ventosa…..

E grazas a esta documentación, Sanchez, localiza diferentes propiedades dos Templarios;

De 6 a 8 casas na vila de Melide, un couto, un muíño unha igrexa e outras propiedades en Vila Nova (Santa María de Malos); un muíños, coutos, varios; 1 casal, unha igrexa (Santa María), e varios en Basadre (Agolada); Ventosela un couto.

Sánchez ademais, insinúa que Santa María de Melideé templaria, Broz Rei, no 2001, xa apuntaba a denominala Santa María do Temple de Melide (12) , unha Cruz do Temple nas pinturas murais do seu interior o corroboraba, o mesmo nome lle dá Rafael Alarcón na súa obra A la Sombra de los Templarios, para quen os símbolos xeométricos da arquivolta máis exterior da porta oeste non deixan lugar a dúbidas da súa autoría templaria semellantes aos deSan Xián de Astureses( Ourense) (13). Na nosa veciñaA Ulloa en fotos, atopabamos tres igrexas con símbolos da mesma caste nas súas arquivoltas son; San Salvador de Vilanuñe (Antas de Ulla), San Martiño de Ferreira (Palas de Rei) e San Miguel de Esporiz (Monterroso)  A igrexa de San Pedro de Melide tamén ten unha cruz patada típica dos templarios na súa fachada.


Sinos lapidarios do Temple
De A la Sombra de los templarios
 Na zona de Sobrado as posesións tamén deberon ser importantes en Codesoso e varios lugares máis (Vilariño, Torante, Bidueiros, Roade, etc..)(14) .

Máis ao norte a igrexa de Santalla de Curtis tamén foi templaria (15). Nesta propiedade coma nas de Santiago de Ois os monxes do Cister de Sobrado pactan cos templarios os xeitos de produción e propiedade, non hai que esquecer que aparte do prestixio da Orde do Temple, o Cister ten alianzas cos templarios en toda a cristiandade, por algo San Bernardo de Claraval, fundador de 68 mosteiros do Cister en Europa, foi o redactor De laude novae militiae ad milites templi(16) , presionou no Concilio de Troyes para que se recoñecera á Orde no 1128 polas autoridades católicas e resolveu o problema do pecado da sangre(non matarás) para xustificar as ordes militares. A orde do Temple é, como quen di, afillada do Cister, é normal que se intercambiaran e estableceran nas propiedades duns e outros segundo a necesidade de cada época. Ademais, o mosteiro de Sobrado fora doado ao Cister, tamén, polo conde de Traba. A monarquía e nobreza galega aseguran fidelidade e produción nas nosas comarcas ao doar ás ordes do Temple e o Cister propiedades terreas.

Pola tipoloxía das propiedades que Sanchez e Pereira sacan á luz nos seus estudios, parece acertado pensar que a pretensión fundamental do Temple en Galicia era sacar recursos económicos para soster a congregación e a súa idea principal de recuperación dos Lugares Sagrados en Palestina. Mais, tamén é visible a posición estratéxica das súas posesións, sobre todo, nos camiños que levan a Compostela, os templarios tiñan encomendada a vixilancia dos Santos Lugares e a protección dos peregrinos, é lóxico pensar que os enclaves templarios dos Camiños do Norte, Portugués e Francés estarían destinados ao amparo dos peregrinos. Non esquecemos a súa misión cristianizadora de lugares de cultos pagáns, pero isto verémolo máis adiante.

Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com .

(1) Esotérico: Que se transmite, unicamente, a un grupo reducido de iniciados [doutrina, coñecemento].
(2) Pax. 186 El misterio de los Templarios.
(3)Pax.  163 Os templarios.
(4)Pax. 163 Os Templarios.
(5)Anuario Brigantino, nº 23, Betanzos.
(6)Pax 155 Os Templarios.
(7)Los Templarios y el Cabildo de Santiago: A Tenza do Temple. Las Ordenes militares en la península Ibérica. Volumén I. Edad Media. Universidad Castilla La Mancha, Cuenca.
(8)Pax. 36. A Orde do Temple na vila de Melide.
(9)Pax. 74. Os Temparios.
(10)Pax 7-8. Panorámica de la orden del Temple en la corona de Galicia- Castilla- León. Pereira Martínez, C
(11)Pax. 50. A Orde do Temple na vila de Melide.
(12)Pax. 40. A Orde do Temple na vila de Melide.
(13)Pax.292 A bailía de Amoeiro da Orde do Temple. Carlos Pereira
(14)Pax.77 Os Templarios.
(15)Pax 74-75. Os templarios.
(16)Pax. 97. Os templarios.
(17)Pax.131. Carlos Pereira Martínez, Anuario Brigantino 2005, nº28.
(18)Pax. 240. Carlos Pereira Martínez, http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf
BIBLIOGRAFÍA

• FRALE, B. Los Templarios. Madrid, Alianza Editorial, 2008.

• MOSQUERA, X. Un viaje por la historia de los templarios en España. Madrid, Nowtilus, 2007.

• LÓPEZ-RIDAURA, S. e RAYNOUARD, F.J.M. Historia y tragedia de los templarios. Sevilla, Estramuros, 2008.

• GARCIA ATIENZA, J. El misterio de los Templarios,Editorial EDAF. SA. Madrid, 2000.

• PEREIRA MARTÍNEZ, C. Os templarios. Artigos e ensaios. Noia, Toxosoutos, 2000.

• SÁNCHEZ SÁNCHEZ, X. M. Milites Templi: A Orde do Temple na vila de Melide, Concello de Melide. Melide, 2006.






Cabezas cortadas. A tradición continúa; defuntiños e templarios

$
0
0

No artigo; Bran, Lug, deuses celtas 4. Defuntos, o noso Samaín, vimos a conexión histórica do día de Tódolos Santos co Samain (fin de ano celta na Irlanda), co Hallowen (Ghalopín en ghastrapo culto) e os Nosos Defuntos. Toca ver a reacción da Igrexa para integrar a simboloxía dos ritos célticos das cabezas cortadas nas casas de Deus.

No século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: “ Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen aos seus deuses; trasladalos ao día das festas dos santos mártires, co fin de que , conservando algunhas groserías , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gustar das ledicias espirituais da fe cristiá .” 
 
Igrexa de Santiago e Bembrive, Vigo

 
Polo tanto ante as alegrías da idolatría, tapábase o nariz con tal de achegar os indíxenas galegos á relixión católica. O arte románico galego, sobre todo o rural, é un exemplo (moi pouco estudado, todo hai que dicilo) de extraordinaria adaptación dos símbolos, ritos e costumes da relixión pagá á nova cristiá, as rosetas, os trisqueles, as rodas solares, as árbores da vida ,.. abondan nas igrexas rurais, tamén as cruces célticas nos cumios das nosas igrexas e capelas.


Balboa na súa obra sobre a Raíña Lupa demostra a pervivencia de tradicións de sabor romano-castrexo no relato da Translación do Corpo do Santiago incluído no Codice Calixtino de mediados do século XII. A Igrexa, a estas alturas, aínda tenta convencer aos galegos de que as súas ancestrais costumes están obsoletas, e son vencidas pola presenza do Corpo Santo(1) .
Igrexa de Taboada dos Freires, Taboada (Lugo).
 Sansón desqueixando un león á esquerda cruz templaria 

E neste labor, cistercienses e templarios, poñen mans á obra. No anterior artigo diciamos das boas relacións do Cister co Temple, non é nada estraño, San Bernardo -igual que os 9 fundadores do Temple- é da rexión da Champaña (antigo territorio da tribu gala dos remi(2)), é primo de Hugo de Payns o primeiro Mestre do Temple e cofundador do mesmo(3) . As relacíóns entre ambas ordes é tan estreita que no xuramento de toma de posesión dos Mestres templarios en Portugal (séculos XII-XIII) estipúlase:

Cruces patadas templarias e árbores da vida en tímpano de San Salvador de Sarria
Prometo ser sumiso e obediente ao Mestre Xeral da Orde, de acordo cos estatutos que nos foron prescritos polo noso pai San Bernardo(……). Que non entregarei aos inimigos as cidades e prazas que pertencen á orde e que non negarei ás persoas relixiosas, principalmente aos relixiosos do Císter e aos seus abades -xa que son irmáns nosos e compañeiros- ningún socorro, xa sexa de palabra, xa sexa con obras pías e mesmo coas armas(6).
Poderíase dicir que a Orde do Temple é a rama militar do Cister.


Cabeza castrexa San Pedro de Trasalba. Amoeiro (Ourense)
Posidonio de Apamea, citado por Estrabón 17.3.4, no ano 90 a.C. viaxou pola Galia, nos súas notas viaxeiras destaca as cabezas inimigas cravadas en picas ou en nichos, tan estendido estaba o seu uso decorativo nas aldeas que Posidonio confesa que cara o fin da viaxe xa se acostumara a elas(4) , os monxes do Cister e os do Temple, nas terras galegas, atopáronse cunha cultura ancestral semellante á da súa terra, e deixaron a súa pegada nas igrexas dos seus dominios adaptando a arte románica ao labor de asimilación dunha cultura que se resiste a desaparecer, como diciamos, sobre todo no rural:
En San Pedro de Trasalba, parroquia de Amoeiro (Ourense) que fora encomenda do Temple, asoma dos muros da igrexa unha cabeza cortada castrexa reutilizada para a ocasión.

No mesmo concello, atopamos pedras labradas castrexas nas capelas San Xiao de Fonfría (San Xiao coma santo hospitaleiro do que eran devotos os templarios(7) aparecerá moitas veces de guía dos peregrinos e das almas). e na de Formigueiro. O cruce de vías romanas que se produce no concello de Amoeiro é coñecido dende antigo e está ben documentado, entre outras razóns, pola aparición de varias aras dedicadas aos Lares Viales(5).


Cabezas cortadas en San Xiao de Moraime
Noutro San Xiao, o de Moraime, en Muxía, cisterciense, considerada por moitos a catedral da Costa da Morte, na súa porta occidental afloran cabezas cortadas entre follas. Nun capitel do Mosteiro cisterciense de Santa María de Penamaior en Becerreá (Lugo), aparece o mesmo tema da cabeza cortada entre follaxe, tamén en San Xián do Campo, Taboada (Lugo).

Máis curiosa é a Igrexa de San Salvador Sarria, onde asoma entre as arquivoltas, debaixo do tímpano, unha cabeza cortada. No tímpano, un Pantocrátor entre árbores da vida e cruces patadas templarias.


Cabeza cortada en San Salvador de Sarria
As cabezas, que primeiro foron humanas, coa chegada dos romanos pasaron a ser de pedra, o Cister e o Temple adoptáronas, e a tradición converteunas en calacús ou caliveras cun ton máis festivo.

Máis nada, coidado co Ghalopín, feliz Samaín e ánimo que o San Martiño e o Magosto xa están aí.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com
Continúa en;
http://anosahistoria.blogspot.com.es/2011/10/cabezas-cortadas-tradicion-continua.html

(1) A Raíña Lupa.
(2) Nas súas moedas de ouro, destacan a roda solar e o cabalo.
(3) Pax. 59. Breve historia de la Orden del Temple.
(4) Pax 267 Rubicón.
(5) http://www.usc.es/gl/investigacion/proxectos/amoeiro/ 
(6) http://www.estudioshistoricos.com/articulo/cpm/cpm_03.htm  
(7) [1] Pax 197. Breve historia de la Orden del temple.


Bibliografía

BALBOA SALGADO, A. A raíña Lupa: as orixes pagás de Santiago. Lóstrego, Santiago 2005.

CORRAL, J.L. Breve historia del Orden del Temple. Edhasa, Barcelona, 2006

LEMA MOUZO, R. El camino secreto de Santiago, Edaf, Madrid, 2007

PEREIRA MARTINEZ, C. Anuario Brigantino, nº 23

PEREIRA MARTINEZ, C. Anuario Brigantino, nº 28

PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf

PEREIRA MARTÍNEZ, C. Os templarios. Artigos e ensaios. Noia, Toxosoutos, 2000.

HOLLAND, T. Rubicón: auge y caída de la República Romana,Planeta, Barcelona, 2005




Compostela; o nemetón, Asseconia, as tumbas e Prisciliano

$
0
0
Catedral, Quintana dos Mortos e dos Vivos dende Vía Sacra
Compostela, segundo José Armas Castro, do latín composita, lugar ben edificado(1).
Onde vai que as escavacións de inicios dos anos 50 sorprendéronos coa nova de que embaixo da Catedral de Santiago de Compostela atopábase unha necrópole antiga. A catedral estaba construída sobre un gran cemiterio.
Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Dende o século I d. C. esta ladeira dun outeiro, que tiña ao norte un castro co epicentro no que é hoxe o Preguntoiro, vai ser ocupada por unha serie de construcións romanas, sen poder discernir a súa función a ciencia certa, parece seguro que se trataría dunha mansión romana e posiblemente sería Asseconia(1).
Segundo Díaz y Díaz, o castro podería chamarse Castrondouro ou antes Callobre. Este castro controlaba un importante cruce de camiños; de sur a norte, a vía romana de Braga a Lugo por Brigantium VIA XX, de Padrón cara Ordes; o de que dende este castro ía cara o oeste polo val da Mahía ata a Fin da Terra; o que unía dende o castro por vías secundarias con Lugo, camiño francés; o que levaba cara o sureste, á zona de Ourense, polo Ulla, camiño do Monte Sacro, e o que guiaba por Aríns ao norte do propio Monte Sacro (a).

No espazo que ocupa hoxe a catedral e a Praza da Quintana aparecen un pozo e restos de muros romanos, restos de cerámica de luxo (terra sigillata hispánica rioxanos) e cerámica de paredes finas de Melgar de Tera (Zamora), con escasa presenza de produtos de olería tradicional castrexa do s. I. d. C., tamén apareceron moldes castrexos para fundición do bronce e algunha fusaiola para tecer de tradición indíxena.

Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Na cimentación do pilar do brazo sur do cruceiro apareceu unha ara dedicada a Xúpiter ( Iovi ). Xúpiter é a divindade oficial romana, á que estaban obrigados os mandatarios romanos render culto, non só por devoción senón por imperativo imperial, Iovié invocado por obrigación, costume social e política(2). A mansión romana (Asseconia) coma parte da infrastructura viaria do Imperio Romano era un enclave fundamental da rede do transporte galaico, en Compostela, como vimos arrriba, coincidían varios camiños, o que viña de Iria Flavia, o de Lugo, o de Santa Comba,…


Debuxo de Do Imperio Romano á Alta Idade Media
(Clika na imaxe)

Os romanos escollen este enclave( bosque sagrado ou nemetón (3)chamado no s. IX Libredón -Liberum Donum- Zona libre) na ladeira do monte ao pe dun castro, posiblemente seguindo o esquema de sincronismo coa cultura indíxena utilizado na cidade de Lugo, onde o campamento e logo cidade Lucus Augusti, eríxese na ladeira do monte onde se encontraría o bosque sagrado ou nemetón (o lucus romano), alí adorábase ao deus céltico Lug, preto do castro da Piringalla ao norte  e a 400 metros das termas romanas do Miño no sur. A Asseconía estaba enclavada a uns 150 metros ao nordeste da recen descuberta Fonte de San Clemente. Esta é a fonte máis antiga da cidade, da Idade Media e, á espera dos resultados arqueolóxicos, sábese que era unha zona moi frecuentada, este manancial daría auga a dous baños públicos. O por que se tapou no século XVIII ou XIX, non se sabe, pero nós intuímos ritos pseudo profanos demasiado ofensivos para o clero da época. A que deuses adoraban os castrexos da treba dos coporos no nemetón compostelán?. É moi posible que o relocente Lug e o chamado Bran, BreoBrenus ou Breogan, o deus dos camiños e os mortos celta foran algúns deles.


Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

 A partir do S. II d.C. a función viaria da mansión parece que vai trocando para converterse nunha necrópole romana con tumbas de ladrillo e tégulas (tellas romanas). Hai referencias documentais de estelas funerarias no s. XVI, seguramente dos anos II a IV.

No século V, os suevos continuarían enterrando os seus mortos coas mesmas técnicas que os romanos, ata o século VI onde se produce o que debeu ser o abandono do lugar.

No IX aparece o cemiterio alto medieval con tumbas escavadas na rocha con forma antropoide, caixas de pedras con lousas por riba, , en ladrillo e con forma de arco de paréntese, aparecen tamén os sarcófagos de estola (identificados erroneamente cos suevos). É nos inicios deste século cando o bispo de Iria Flavia, Teodomiro é avisado do descubrimento dun sepulcro. Teodomiro non o dubida aquilo era Arca Marmarica, alí estaba o corpo de Santiago Apóstolo. Bota a andar a coñecida Inventio do Locus Sancti Iacobi. 

Ara dedicada a Iovi (Xúpiter) La Catedral  de Santiago de Compostela
(Clika na imaxe)

Debuxo de Do Imperio Romano á Alta Idade Media
(Clika na imaxe)

Fonte de San Clemente


É o chamado Mausoleo Apostólico do século IV inicios do V . Curioso, Prisciliano no ano 385 é torturado e decapitado en Tréveris (Francia) xunto a seis seguidores, as fontes din que foi levado a Gallaecia por mar. Segundo a Crónica de Sulpicio Severo a morte de Prisciliano converteuno aos ollos dos seus seguidores, non só en santo senón, ademais, en mártir. Concreta un pouco máis e afirma que; os corpos dos executados trasladáronse a Hispania e alí celebráronse por eles solemnes funerais.

Foto de La Catedral  de Santiago de Compostela
Tumbas romanas
(Clika na imaxe)
Serían os corpos de Prisciliano, Latroniano e Prócula os enterrados no Mausoleo Apostólico?. Como ben se di: non se sabe quen está enterrado na catedral, pero sábese que Sant Iacobus non é.

Demostrado, pola visita do Papa, que o motor do turismo cultural do Camiño de Santiago é o mesmo camiño e non só o culto católico-apostólico, quizais sexa o tempo da arqueoloxía.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com



(1)Pax. 81Historia de Santiago de Compostela.ç
(a) Pax. 105. De Santiago y de los Caminos de Santiago.
(2)Pax. 30-ss. Historia de Santiago de Compostela.
(3)Pax. 109La mujer en la epigrafia religiosa hispano romana.
(4)Ben puidera ser a fraga de Nemenzo parroquia ao norte da cidade, mais non tiña a posición xeográfica de Compostela.
(5) Pax. 44 Historia de Santiago de Compostela.
 
Bibliografía


GUERRA CAMPOS, J., CHAMOSO LAMAS, M. E VARIOS. La Catedral  de Santiago de Compostela, Caja de Ahorros de Santiago. Barcelona, 1977.
VÁZQUEZ HOYS, A. M. La mujer en la epigrafia religiosa hispano romana, http://digitool-uam.greendata.es//exlibris/dtl/d3_1/apache_media/20803.pdf
SUÁREZ OTERO, J. CAAMAÑO GESTO, M., Historia de Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago de Compostela, 2003

RODRÍGUEZ RESINO, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media, Toxosoutos. Noia2004.
GARCIA ORO, J. REGAL LEDO, M. LÓPEZ RIVAS, A. Historia da Igrexa galega, S. E. P. T. Vigo, 1994.

SAN MIGUEL HEVIA, J.R. Prisciliano, http://www.nodulo.org/ec/2006/n047p08.htm

CHAO REGO, X. Prisciliano, Baía Pensamento, A Coruña, 2002.

DÍAZ Y DÍAZ, M.C. De Santiago y de los Caminos de Santiago. Xunta de Galicia, Santiago, 1997.





Ordes militares do Temple, Mercé e Santo Sepulcro en Compostela

$
0
0
 San Miguel de Agros. Agnus Dei
Era o 19 de marzo de 1128, dez meses antes do Concilio de Troyes (onde se legaliza cristianamente o Temple), en Braga reuníranse a condesa Tareixa de Portugal, Fernando Pérez de Traba (Conde de Traba), o seu compañeiro de correrías de mocidade o emperador Afonso VII, e o cabaleiro templario Raimundo Bernardo(1) . A raíña outorga a doazón do castelo de Soure á Orde do Temple, Fernando Pérez ratifica a doazón xa que antes fora outorgado a el. Un ano antes, Afonso VII e Xelmírez tiveran unha fonda disputa, Xelmírez tivo que entregarlle ao emperador 1000 marcos (2).

Cruz templaria. San Miguel de Agros

Por estes anos Xelmírez estaba en plena operación de lavado e esplendor de Compostela, dende 1122 acometera a reforma e construción dos templos composteláns, San Miguel de Agros, San Fiz de Solovio, o convento feminino de Santa María de Conxo, etc...(3)

As relacións co papado e o Temple de Afonso VII e, seguramente, de Xelmírez eran estreitas(4) , non imaxinamos, pois, estes anos de expansión do Temple na Galicia sen a súa presenza en Compostela, sobre todo, tratándose da cidade que alberga o templo de peregrinación cristiá na península ibérica. A misión fundamental dos templariosé a protección dos templos e camiños de peregrinación cristiá. As súas pegadas podemos atopalas en San Miguel de Agros e na Capela da Nosa Señora da Fonte en Pelamios:

Arco conopial da Nosa Sra. da Fonte

Capela da Nosa Señora da Fonte

Capela medieval da parroquia de San Xoán de Pelamios da xurisdición de Martiño Pinario.

Reedificado no 1395 polos benedictinos. Nunha pequena hornacina con remate en venera, presenta unha imaxe de Virxe con Fillo de factura gótica do ano 1500 (5).

Capela da Nosa Señora da Fonte (Pelamios)

Chama a nosa atención o arco conopial da porta, onde se atopan, entre outros, un símbolo en forma de S con patas no centro do vértice e unha especie de saco abertoámbolos dous iguais a símbolos lapidarios que se encontran na capela templaria do Convento de Tomar (Portugal) no Camiño de Santiago portugués . Mais, sobre todo, son significativas a cruz patada do seu lado esquerdo e a cruz patricial do dereito.
  A capela, á beira da fonte, é típico exemplo de cristianización de cultos pagáns, e nestes traballos tamén destacaban os templarios. A festa maior é o 24 de xuño día de San Xoan Bautista (patrón do Temple).
Cruz templaria na Capela da Nosa Sra. da Fonte
 Igrexa de San Miguel de Agros

A primeira referencia documental data do ano 1100 era chamada San Miguel da Cisterna. En 1122, seica, Xelmirez renovou dende os cimentos as igrexas de San Miguel e outras.

Cruz patricial templaria en Capela da Nosa Sra. da Fonte


Segundo o cardenal Hoyo tiña varias capelas. Dunha, a de San Isidro Labrador, consérvase a lápida dos seus fundadores; Domingo Eans, tendeiro, e a súa muller María Fernández datada no 1336 .

A actual Igrexa, do s. XVIII, ten un Agnus Dei , símbolo a veces usado polos templarios(6) ,e cruz antefixa céltica da igrexa medieval no cumio da igrexa, é da mesma fábrica que a de San Fiz de Solovio(7) .

O espacio definido na actualidade polas capelas Dolorosa e o altar do Nazareno ocupa o solar do desaparecido edificio medieval, suxestionando unha sinxela tipoloxía templaria, con planta de nave única… A igrexa románica engadíronselle en época baixomedieval as capelas familiares dos Abriles e a dedicada a San Isidro Labrador (8).


Cruz templaria na fachada de San Miguel de Agros
 Chaman a nosa atención as catro cruces templarias que se atopan na súa fachada.

Mais, hai que ter tino, non confundamos a cruz templaria cos símbolos dos mercedari@s e Santo Sepulcro;



Escudo mercedario na rúa da Acibechería
 
Mercedaria/os

Don Xaime I, rei de Aragón, (o rei templario) foi cofundador con Pedro Nolasco da Orde Mercedaria e concédelle a dita Orde as súas propias armas reais e o hábito militar o 10 de Agosto de 1218. Tiñan por misión ir as terras do Islam para rescatar os presos cristiáns que había nas cárceres musulmáns, no Temple estaba prohibido pagar rescate polos soldados templarios. O seu símbolo é a cruz patada.


Escudo mercedario na ruela do Peso
 A partir do s. XV chegan a Compostela os mercedarios que se instalan en Conxo . Logo no XVI, xa forman parte do profesorado da Universidade de Santiago. Posúen varias casas na cidade. Máis tarde a orde relixiosa de clausura das Madres Mercedarias Descalzas comezan as obras do seu convento no ano 1674 na rúa Tránsito da Mercé .








Santo Sepulcro de Xerusalén

Orde relixiosa – militar creada en 1098, trala vitoriosa primeira cruzada, por Godofredo de Bouillón, duque da Baixa Lorena e Protector do Santo Sepulcro.
 
Símbolo Santo Sepulcro en rúa do Val de Deus

Chegan á Compostela nos tempos dos Reis Católicos (o seu símbolo forma parte do escudo real , tamén se atopa na fachada do Hostal dos Reis Católicos). En Compostela tiveron varias casas enfronte a Facultade de Medicina.
Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com

Hostal dos Reis Católicos

(1) Pax. 45 Los templarios en los reinos de España.
(2) Pax.313. A Vida e o tempo de Diego Xelmírez.
(3) Os documentos históricos atribúen a fundación ao arcebispo Xelmírez (1129) co fin de albergar unha comunidade de monxas, As monxas que o habitaban pasaron ao Mosteiro de Antealtares no século XV. Posteriormente foi habitado por frades mercedarios.
(4) Afonso VII (Afonso Reimúndez) nado en 1105, era fillo do cruzado Raimundo de Borgoña e da infanta dona Urraca (filla de Afonso VI), criado por Pedro Froilaz (conde de Traba) e sobriño do monxe benito Guido de Borgoña, futuro Papa Calixto II(quen concedeu a Santiago no 1120 a dignidade de Metropolitana de Mérida, por medio da bula Omnipotentis dispositionee instaurou o Ano Santo Xacobeo). Coronado rei no 1111 polo Conde de Traba e Xelmirez. No ano 1133 Afonso VII apoiou ao Papa  Inocencio II no Sínodo de Reims no seu enfrentamento co antipapa Anacleto II. Inocencio II promulga a bula Omne datum optimum o 29 de marzo de 1139 co obxecto de oficializar a creación da Orde do Temple, con Inocencio II, Xelmírez restablece o contacto fluído coa curia .
(5)Pax. 247-248. Santiago de Compostela. Ciudades.
(6)Pax.149. Los Templarios en los reinos de España.
(7)Pax. 160 Santiago de Compostela. Ciudades.
(8)Pax.8 San Miguel de Agros, Xunta de Galicia, Santiago, 2001. Fco. Singul e Enrique Fdez. Castiñeiras.

Bibliografía


MARTINÉZ DIEZ, G. Los templarios en los reinos de España,Editorial Planeta. Barcelona, 2002.

FLETCHER, R.A. A vida e o tempo de Diego Xelmírez, Editorial Galaxia. Vigo 1993.

PÉREZ RODRÍGUEZ, F. J. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
SINGUL e FDEZ. CASTIÑEIRAS. San Miguel de Agros, Xunta de Galicia, Santiago, 2001.
VARIOS. Santiago de Compostela. Patrimonio Histórico Gallego Ciudades. Xuntanza Editorial

Bo Nadal

Arentía; deusa castrexa e templarios nas terras de Boimorto

$
0
0
San Vitorio na fonte e Capela de Arentía ao fondo

Cara finais do século XII, as ordes relixiosas do Temple e o Cister levaban uns anos incrementando ás súas posesións no reino de Galicia. Unha carta datada en marzo do ano 1180 infórmanos da doazón das terras de Orreos (Orros), Sancto Martino de Andauaa (Andabao) e Buazu (Buazo), no concello de Boimorto, aos monxes cistercienses do Mosteiro de Superaddo (Sobrado)(1) . Por este anos a familia dos condes de Traba tecía as súas arañeiras feudais pola comarca; Urraca, filla de Pedro Froiláz, funda o Mosteiro de Dormiana (Dormeá, Boimorto), Fernando, o seu irmán, convertérase no conde máis influinte de Galicia e cedía terreos ao Cister(2) e ao Temple para asentar estas orde no reino de Galicia. Mentres, San Martiño xa levaba uns anos exercendo de protector espiritual da parroquia de Andabao, mais en Arentía, lugar desa parroquia, que pasaba?.

Porta Capela de Arentía

En Arentia, hai unha capela baixo a protección de San Cidre e á súa dona Santa María da Cabeza, é un templo de certa entidade, duns 22 metros de longo por 8 de ancho, orientado ao suroeste. Destaca, sobre a fachada máis moderna, unha porta principal con arco de medio punto abocelado (con molduras cilíndricas) - o que nos indica unha feitura románica dos séculos XII - XIV -, no seu lado esquerdo apréciase unha esquematizada e desgastada cruz céltica patada(3) , signo típico da Orde do Temple, no seu dereito, puido ter algún tipo de gravado xa que se distingue que foi desbastada a pedra.

Cruz templaria. Capela de Arentía
 Preto da capela a uns 20 metros hai unha fonte (lamentablemente reconvertida en lavadoiro no século XX) da que destaca un frontón triangular cun oco no centro onde se atopa unha figuriña de madeira labrada de San Vitorio vestido de monxe cunha cruz grega no peito, a fonte ten tres canos (un xa non bota), cada santo ten o seu, máis só o de San Vitorio ten propiedades curativas. Ao nordés da capela, distante uns 120 metros, atópase un cruceiro de factura sinxela presidindo o descampado da festa.
Hoxe en día festéxase o día de San Cidre cunha romaría o 16 de maio, hai procesión arredor da capela e xantares populares, soen ser dous días de festa de moita sona na comarca.

San Vitorio na Fonte de Arentía
 San Vitorio foi santo mártir romano na Palestina, unha terra que os templarios coñecen ben -en Xerusalén forxouse a Orde do Temple- polo que é posible que os templarios foran devotos de San Vitorio, máis a veneración a este santo en Galicia vén de antigo(4) , un documento do ano 929 fálanos da fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello de O Saviñao, que se di, anos despois, a súa igrexa, pertenceu á Orde do Temple(5).

Cruceiro de San Vitorio. Presqueira (Baños de Molgas)
cristianizando un petroglifo
 Capelas con advocación a San Vitorio hai algunhas en Galicia, case todas con fonte de augas curativas, a da Mezquita en Allariz con fonte santa, a Capela de Damil en Begonte (Lugo) con cruz templaria na ventá esquerda e fonte santa, a de San Vitorio de Arrabaldo (Ourense), a de San Vitorio dos Caínzos Cambás en Aranga que foi dominio cisterciense con presenza templaria,...
A devoción a San Cidre -o San Isidro Labrador- ten unha relación cos templarios máis marcada, xa que é un santo contemporáneo destes. Logo da batalla das Navas de Tolosa, onde os templarios tiveron unha actuación destacada, a lenda di que foi San Isidro o guía dos cristiáns na batalla, os templarios veneraron tanto a San Cidre coma á súa dona Santa María da Cabeza e ao seu fillo San Illán .


Capela de San Cidre. Arentía
 Como vimos a parroquia de Andabao estaba baixo o dominio da Orde do Cister dende o ano 1180 e sabemos, tamén, das estreitas relacións que habia entre a Orde do Cister, a familia dos Condes de Traba e o Temple, que a capela teña unha cruz patada no lado esquerdo da porta e que a figura de San Vitorio da fonte vista como un monxe templario(6) indícanos, sen dúbida, que serían os templarios os encargados de cristianizar ou reforzar os cultos cristiáns dunha fonte onde, nese século XII, aínda recibiría visitas da veciñanza da zona(7) para realizar os seus ritos ou festas pagás. Os templarios sentían especial atracción por estes lugares de adoración seculares, unha bula papal do 1145 permítelles construír as súas propias igrexas e capelas cos seus capeláns(8) , templos erixidos, normalmente, en lugares de tradición ancestral, e na nosa terra, ademais, ao pe dos camiños de peregrinación á Compostela. San Mamede de Moldesé un caso típico de cristianización de cultos pagáns polos templarios en Galicia , a Capela da Nosa Sra. da Fonte (Compostela) e San Pedro de Trasalba son outros exemplos.
A tradición, sobre todo no medio rural, é teimuda e a sona da divindade castrexa de Arentía seguramente atraería moitos devotos pagáns, quen sería, pois, a divindade de Arentía?.

Ara adicada a Arentia e Arentio
 Arentiaé unha deusa céltica prerromana. Na península hai 9 inscricións nas que aparecen dedicacións a estas dúas divindades; Arentia e Arentio, apareceron nun marco xeográfico moi concreto entre o Castelo Branco no este portugués e o municipio cacereño de Coria (Carium), en catro das nove inscripcións aparecen coma parella divina. Nesta rexión do norte da Lusitania estas divindades coexistían con outras divindades máis coñecidas na Gallaecia coma Bandua ou Reve.

Ara a Arentio
 J.Rodríguez describía a Arentius e Arentia coma dúas divindades xemelgas, Hurtado apuntaba a posibilidade de que se tratarse dun par divino semellante á parella Apolo –Diana. Olivares Pedreño é de semellante opinión e considera que os Mercurio e Apolo indíxenas son as dúas divindades que máis se acercan ao perfil relixioso de Arentius e baralla dúas posibilidades; que se trate da parella Apolo céltico e unha divindade de carácter terapéutico (con poderes curativos) coma os Apolo Grannus e Diana Sirona ou Boruo (Apolo céltico) e Damona, a mesma parella que Bormanus e Bormana (estas divindades estaban vinculadas a santuarios de augas termais) . No caso do Mercurio céltico sería Mercurio Visucius e Visucia ou Mercurio e Rosmerta , deusa da abundancia(9) .
Na nosa Arentia, todo indica que sería unha deusa da caste terapeutica xa que as propiedades curativas da fonte así o indican.
O curioso de Arentía é que teñamos tres santos compartindo o mesmo espazo.

Cabe a posibilidade que a fonte, nos anos anteriores á chegada dos templarios, tivese a advocación a San Vitorio, e aqueles atoparan unha fonte, con dedicación a un santo da súa devoción pero sen a forza suficiente para dobregar, nin facer esquecer, a sona da deusa Arentia e, -aquí seguimos a Olivares- tampouco do seu par divino masculino que sería o Apolo céltico (deus do Sol) – o máis acaído, ao noso entender- ,ou sexa Arentio, un deus semellante ao pancélticoLug, recordemos que na Festa do Lugnadah os pobos agradecen a Lug os froitos da colleita, é a gran festa do labrego celta.

Cruceiro, campo da festa e capela de Arentía
 
San Vitorio de Arrabaldo, Ourense
 coa súa cabeza cortada
 Non hai que esquecer que as trebas castrexas (populus para os romanos) e os seus castros podían ter un deus con diferentes denominacións para a mesma función en comarcas relativamente cercanas unhas das outras(10) , polo que Arentio ben poido ser o Lug da zona de Boimorto. Os templarios botarían man de San Cidre (o santo das colleitas) e a súa dona Santa María da Cabeza (tamén milagreira) para suplir a Arentio e Arentia respectivamente. Os tres canos da fonte é posible que xa existiran respondendo ao carácter sagrado do número(11) , os templarios que asumen a súa función de sincronizadores das diferentes culturas pagás co cristianismo, outorgarían un cano a cada un dos santos, conservando San Vitorio -o primeiro santo en arrivar para cristianizar a fonte da deusa Arentia- a función curativa.
Arentía atópase nun lugar elevado da comarca, dende a capela domínanse as terras do sur do concello de Boimorto e parte do Concello de Arzúa, cunha magnífica explanada, sería- e aínda o é hoxe en día- un lugar inmellorable para conmemorar as festas da divindade solar. Se efectivamente o Lug de Boimorto, Arentio, era tamén adorado en Arentía, enténdese perfectamente que os templarios procurasen un reforzo para vencer a estas poderosas divindades, e este reforzo sería tamén un par, pero de santidades; San Cidre e Santa María da Cabeza. Os poderes terapéuticos de San Vitorio seguirían imperando nos ritos da fonte, pero San Cidre, como santo protector de gando e labregos, ocuparía o lugar de Arentio no campo da festa onde se realizaban os festíns ou celebracións de adoración ás divindades, o lugar que ocupa o templo, desde onde contemplarían ao deus solar deitarse. A festa maior en Arentía sería a festa do verán céltico, o Beltene, a actual festa dos Maios.

Pola súa posición xeográfica no vértice dun cruce de rutas que une o camiño que viña de Ponte Puñide (O Pino) entrando por Boado cara Sobrado(12) (Hospital e Ponte Présaras encamiñaban a San Pedro de Présaras, centro do sonado Condado Alto Medieval de Présaras) e o camiño que baixa cara Arzúa pasando por Boimorto onde se atopou -e alí está- un miliario romano do s. III, por esta posición estratéxica, diciamos, Arentía é lugar privilexiado para o control da ruta de peregrinos cara Santiago.

Mapa de camiños medievais de Elisa Priegue. Arentía en vermello
Polo seu tamaño é posible que a capela fose utilizada para o aloxamento de peregrinos, aínda que non hai constancia documental en templos templarios, era unha práctica común nas igrexas de peregrinación medievais. Elisa Priegue indícanos a existencia dun antigo camiño dende Sobrado a Santiago pasando por Boado e Ponte Puñide. A ruta de peregrinación dende Sobrado, pasando por Présaras que tiña que salvar o río Tambre en Ponte Présaras(13) , logo; Hospital(14) , Arentía, Ponte Boado, Boado,… e Ponte Puñide ata Compostela sería máis lóxica que a do Camiño do Norte que baixa cara Arzúa que, ata o século XII, non temos probas documentais da súa existencia(15) . O actual camiño norte cara Arzúa sería unha importante vía de comunicación das minas romanas de Arzúa co campamento romano de Cidadela e Brigantium (A Coruña), mais non como ruta de peregrinación na Alta Idade Media. Sobre todo, na Alta Idade Media, en pleno apoxeo do Condado de Présaras, a ruta de peregrinación lóxica e natural sería en linea recta por Arentía, buscando a seguridade que ofrecerían os templarios, os condes de Présaras e o aforro en tempo da viaxe, ademais, a existencia nesta ruta e naqueles tempos, en cada 4 quilómetros -de media-, dunha parroquia, aseguraban ao peregrino un lugar para a súa manutención e descanso(16) .

Unha das dúas pedrafitas do cruce de Andabao,
Ponte Présaras e Arentía
 Os templarios eran sobre todo protectores de peregrinos e lugares santos, o lugar de Arentía co seu poder sagrado ancestral no medio dunha ruta de peregrinación era o sitio idóneo para erixir unha capela e posiblemente algunha casa veciña para realizar a función de cristianización de cultos pagáns e as tarefas de protectores do camiño, a partir do século XIII, co auxe da vila de Arzúa e a ruta francesa, os peregrinos recuperan o ancestral camiño que marcaba o miliario de Boimorto e que hoxe chaman Camiño do Norte.

[1] Tumbo I, fol. 133 r.y v. nº437 pax. 395. Tumbos de Sobrados dos Monxes.
[2]No 1142, o Mosteiro de Sobrado, coas súas posesións, é doado polos Condes de Traba á Orde do Cister.
[3] Outras cruces célticas templarias atópanse en; Mosteiro de Vilar de Donas (Palas de Rei), Igrexa da Nosa Sra. das Areas (Fisterra), Igrexa de Taboada dos Freires (Taboada, Lugo), esta igrexa é a única de Galicia que ten documentación que  proba a súa pertenencia ao Temple. A súa cruz é moi semellante á de Arentía.
[4] O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919) ; p. 142-144.
[5] Pax. 242 nalgures II.
[6]As cores da túnica e da cruz, en azul e dourado en troques de branca e vermella, é normal logo da persecución que sufriu o Temple no século XIV, ademais, a cultura popular durante estes anos non conservaría o recordo destes detalles.
[7] O Castro das Medorras (Buazo), O Castro (Cardeiro), Castro de Corredoiras (Os Ánxeles), os castros da Algalia e do Coto da Roda en Dormeá, etc...
[8]A bula Militia Dei (Soldados de Deus), foi promulgada polo papa Uxío III (que foi abade do Cister) no 1145 co obxecto de asentar os privilexios da Orde consolidando a independencia da mesma respecto ao clero secular.Nela  recoñéceselle á Orde o dereito a recadar tributos, a enterrar os seus mortos nos seus propios cemiterios e a posuír as súas propias igrexas.

[10]Madrid, 1984, 98-94 J. C. Oliverais Pedreño, "Los dioses célticos en el occidente europeo y el panteón hispano”.
[11] Os trisquéis representando as tres fases solares (os tres pasos) e os deuses dos camiños coas imaxes de tres caras, son os exemplos máis acaídos da Trindade Céltica.
[12] Pax.127 e 192. Los caminos medievales de Galicia.
[13]Ano 1151: Pontem Presaris, et per illum riuum Tamarela. Pax. 192. Los caminos medievales de Galicia.
[14] O topónimo Hospital indica a existencia dun antigo lugar de atención a peregrinos.
[15]Vilanova de Arzúa aparece documentada por primeira vez no Codex Calixtinus. s. XII.

[16]Santiago de Boado, San Xulián de Céltigos, Sta. Mª de Gafoi, S. Pedro de Aiazo, San Román,…

Bibliografía


-FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
-CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
-Revista de Ciencias de las Religiones. Nº 4, 1999.
-O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919)
-PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf 

Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinhos@gmail.com

Fonseca II, Reis Católicos e Colón.

$
0
0

Portada do Colexio de San Xerome

As portadas das igrexas no medievo contiñan, como quen di, as ilustracións dos libros da época, coas representacións alí labradas pretendíase ilustrar e sobre todo convencer e adoutrinar á poboación. O Colexio San Xerome, é un exemplo disto, portada da sede rectoral na Praza do Obradoiro foi antes o Estudio Vello ( para pobres)- ou Colexio Fonseca-, e antes; Hospital Vello, tamén chamado Hospital de Acibecheiría, atopábase no que hoxe son os xardíns de San Martiño Pinario.

O Arcebispo Alonso II de Fonseca,( aliado natural dos Reis Católicos na Galicia) inaugurado o Hospital dos Reis Católicos no Obradoiro, transforma o Hospital Vello en Colexio de Santiago Apóstolo( 1495-1500) e moi pronto, en Facultade de Artes ou Colexio San Xerome son os primeiros pasos da Universidade de Santiago de Compostela. En 1661 os benedictinos compran á Universidade o Colexio de San Xerome para ampliar San Martiño Pinario, é cando se traslada a portada gótica (1490-1500) ao Obradoiro(1) .

Portada con arco de medio punto con arquivoltas decoradas con 11 estatuíñas en sentido radial e centradas no grupo de Santa Ana, Virxe e Neno (a Santa Ana tripla, tan repetida na iconografía tardogótica); a cada lado, dúas figuriñas femininas e tres masculinas emparelladas entre si dende o centro cara as beiras.
Fernando O Católico vencendo a Afonso V de Portugal

No tímpano central de liña ondulada pinga un colgante con anxo levando o escudo da familia Fonseca. As xambas están representados á esquerda, de fóra a dentro; San Francisco, San Xoán Bautista e Santiago Apóstolo, á dereita; Santo Domingo, San Paulo e San Pedro(2).

A nós chámanos a atención que ningún autor (que saibamos), aborda a representación do tímpano, só unha breve mención á Inmaculada co neno, mais os dous persoeiros que ten a ambos lados; de quen veñen sendo?:

Escudo dos Fonseca

Obviamente a da esquerda é Isabel de Castela e o da dereita Fernando de Aragón; os Reis Católicos.

O máis rechamante do tímpano é a escena de Fernando II de Aragón cunha espada perforando un ollo doutro rei, que sen dúbida é Afonso V de Portugal, vencido por Fernando II, que comandaba as tropas de Castela, na Batalla de Toro en 1476, o mesmo ano que Fonseca II (isabelino) e Pardo de Cela (vaia elemento!),entre outros, asediaban sen éxito a Pedro Madruga (3)(aliado de Afonso V e partidario de Xoana a Beltranexa) en Pontevedra.

Castelo de Soutomaior

Claramente, con esta portada, Fonseca II homenaxea aos Reis Católicos, rubrica o sometemento das forzas nobiliarias galegas (Soutomaior, Andrade, Moscoso,..) partidarias de Xoana a Beltranexa e representadas polo seu adaíl; Afonso V de Portugal ao reino de Castela e Aragón.

Outro motivo curioso desta portada é o anxo rompendo a roda solar, simbolismo relacionado co martirio de Santa Catalina, aquí, sen a figura de Santa Catalina, representaría a fin do paganismo nobiliario galaico coa chegada dos Reis Católicos; a nobreza galega vencida non volverá a pecar loitando contra a Mitra compostelá.

A portada de San Xerome quizais sexa a obra artística da época que mellor reflicte a chamada Doma e Castración do Reino de Galicia.
Cos Reis Católicos comeza a chamada Idade Moderna e o inicio do declive económico, político e cultural do Reino de Galicia.

Post Data: Pedro Madruga = Colón

A. Pedro Madruga era fillo bastardo de Fernán Eanes de Soutomaior, a sinatura de Colón ten a explicación máis acaída na liñaxe dos Soutomaior.
B. Coincide a data de desaparición de Pedro Madruga coa da aparición de Colón.
C. Está documentado o apelido Colón na Pontevedra de inicios do s. XV. A nao capitana de Colón é a Gallega de alcume relixioso; Sta. María (patrona dos Mareantes de Pontevedra), está documentada o fretamento dunha nao chamada a Gallega de alcume Sta. María en Pontevedra o 5 de xullo de 1489, os nomes de dúas testemuñas do fretamento coinciden con dous tripulantes de Colón desaperecidos na Española.
D. Os nomes das terras que bautizou Colón en America coinciden con diversas zonas de Galicia.
E. Colón escribía con galicismos, ningún italianismo.
F. O cronista Francesillo de Zúñiga menciona xa no século XVI a Diego de Soutomaior (fillo de Pedro Madruga) como fillo de Colón, entre outros.

Segundo Alonso Philippot, Colón ao nacer fillo de solteira na Casa da Crus (Poio) tomou o apelido da nai e chamouse Cristovo Colón, en 1440 pasou a ser tutelado polo seu pai biolóxico Fernán Eanes de Soutomaior, este rebautizouno coma o seu avó; Pedro Álvarez de Soutomaior, chamándose popularmente Pedro Madruga, tamén Conde de Caminha.
Logo de quedar sen apoios na súa disputa co bando dos Reis Católicos, o seu carácter emprendedor, innovador e aventureiro levouno a trocar de nome de novo por Colón para encubrir a seu pasado antisabelino.
Máis en Colón, galego de Alonso Philippot Abeledo e http://www.colon-gallego.com/

Ata sempre e bo proveito. gonzos@latinmail.com .

(1) Pax. 58. . Historia da Universidade de Santiago de Compostela. USC, Santiago de Compostela, 1998.
(2) Pax. 446. Santiago de Compostela. Ciudades. Dolores Vila Jato.
(3) Pedro Madruga vai ser o nobre galego que con máis resolución se opoña ao partido de Isabel a Católica.



Bibliografía

GARCÍA IGLESIAS, J.M. Santiago de Compostela. Ciudades. Xuntanza Editorial, A Coruña, 1993.

VILA JATO, D. El patrimonio histórico de la Universidad de Santiago de Compostela, USC, Compostela, 1995.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. Historia da Universidade de Santiago de Compostela, USC, Santiago de Compostela, 1998.

PHILIPPOT ABELEDO, A. Colón galego, Editorial Toxosoutos, Noia, 2006.

Ano 1209. Revolta campesiña. Enfrontamento dos homes de Pela e Montelongo (Arzúa) cos monxes brancos de Sardecoiro (Santiso).

$
0
0
In memoriam:
 José Castro Sánchez, home bo de Pela, Vilantime (Arzúa), valedor incansable de Ánxel Casal, curmán seu e o seu último compañeiro en liberdade.



Granxas do Mosteiro de Sobrado (Pallares Méndez, M. C.)

Os lazos de solidariedade nas aldeas galegas vén de moi lonxe. Esa fidelidade que se traduce na disciplina colectiva dos traballos no campo (ninguén faltaba), sobre todo na sega, nas mallas e no aproveitamento dos montes comunais, xa se realizaba na Idade Media, daquela, igual que hoxe no rural, a axuda mutua era norma.

No Medievo cada aldea afirmaba a súa propia coherencia e a súa fraternidade ante o poder señorial e as aldeas veciñas.

Nas fontes escritas a solidariedade campesiña ponse de manifesto nos enfrontamentos co poder señorial que na zona de Vilantime e Santiso é o Mosteiro de Sobrado.

O mosteiro vai tratar de conseguir o control das comunidade rurais por dous camiños complementarios: a adquisición de gran parte dos terreos das aldeas e o exercicio da xurisdición pública sobre elas. O exercicio da xurisdición, alcanzado mediante as doazóns reais, amplía o poder do mosteiro sobre os restantes habitantes da aldea.

Montelongo, Volteiro e Pela dende Agra de Vilar da Vella

Todo isto, necesariamente, tivo que producir enfrontamentos entre os monxes e os labregos, temos varios exemplos:

1. Ano 1001, o preito que sosteñen os habitantes de villa Bidualdi (Niño da Aguia, Santiso) cos monxes de Sobrado sobre a 1/3 parte da villa(1).

2. Entre os anos 1203 e 1223, unha longa disputa entre os freires de San Martiño de Xubia e os monxes de Sobrado da granxa de Brión por unhas terras de monte, rematou nun enfrontamento armado. Os de Xubia tiveron o apoio dunha multitudinem granden hominum. Os frades de Sobrado, nun primeiro momento, tiveron que saír a fume de carozo(2) .


Vilar da Vella (antigaAvellam)
 3. Un preito de 1209 entre o Mosteiro de Présaras e os veciños de Pela e Montelongo (Vilantime) sobre as propiedades da herdanza de Vilar da Vella (Santiso) infórmanos dun conflito de terras entre campesiños e monxes brancos da granxa de Sardecoiro; Orta fuit intentio fratres Superaddi (Sobrado) et homines de Pela et Monte Longo super hereditatis de Avellam (Vilar da Vella) qui iacet inter Pela et Santum Iulianum de Fratribus (Sardecoiro)(3) . O preito vaise a resolver a favor dos monxes. Pola importancia que lle outorgamos a este documento no terreo da toponimia, os conflitos sociais e a onomástica galega medieval, reproducimos traducido o texto ao final deste artigo.

Tódolos preitos estudados por Pallares na súa obra El Monasterio de Sobrado foron resoltos a favor dos monxes brancos (cistercienses ) de Sobrado dos Monxes, cousa doada de entender xa que, quen le, escribe e xulga nestas terras son os mesmos monxes de Sobrado.

O preito dos homes de Pela e Montelongo saca á luz a solidariedade entre os campesiños de dous lugares veciños que defenden a terra, (clika eiquí para ver mapa de situación) seguramente de monte coma no caso de Brión arriba sinalado.

Casa á entrada de Sardecoiro (antigo Courium)

Sardecoiro era daquela unha granxa-mosteiro dos monxes de Sobrado que levaba anos incrementando as súas posesións:

- O 6 de xaneiro de 1093, carta de venta de Suarius Guterriz de herdades na eclesía de Sancti Iuliani de Frates (Sardecoiro)(4) .

- O 28 de maio de 1149, carta de testamento de Maior Froila de herdades nas terras in monasterio Sancti Iuliani de Fratribus (Sardecoiro)(5) .

- Sobrado concede no 1 de xaneiro de 1174, a Arias Luz e a súa esposa, Helvira Garsia a herdade de San Xián de Frades; tali pacto ut populemus eam et plantemus et hedificemus et laboremus domos et pesquiramus illam propose nostra de totus homo et de tota parte sine alique fraude et ad obitum nostrum(6) . Nun documento anterior do mesmo día , Arias Luz, esposa e fillos fan carta de doazón aos monxes de Sobrado das herdades en Caurio de Santo Iuliano de Fratibus (Sardecoiro)(7).

- O 19 de outubro de 1178, contrato de Elvira Garsia(8).

- O 11 de xaneiro de 1198, veciños de Montelongo (entre os que está Pedro Muniz de Monte Longo que tamén aparece no preito) venden por 300 soldos a sexta parte da súa herdade aos freires de Sobrado(9) .

Casa de Sardecoiro (tamén antigamente Sancti Iuliani de Fratribus)

Por un lado a nobreza doa as súas herdades, con servos e apeos de labranza incluídos, para conseguir a protección divina e dos monxes nos últimos anos de vida, por outro, familias campesiñas doan as propiedades mentres manteñen o usufruto das terras e, por outro, labregos, seguramente necesitados de liquidez, venden as terras aos monxes brancos.

Son os lazos de servidume que o señor feudal (neste caso os monxes cistercienses de Sobrado) tece nas terras do Ulla.

Os nós ás veces apertan demasiado e é cando os campesiños rebélanse contra o poder feudal, o preito de 1209 entre os homes de Pela e Montelongo e os monxes de Sardecoiro, foi o resultado da defensa que os labregos de Pela e Montelongo fan do que consideran as súas terras.

A maquinaria de aproveitamento das terras de labor posta en marcha polos monxes brancos na granxa de Sardecoiro; o arado de vertedera, o muíño(10) , os curtidos(11) ,.. non saben de antigas costumes veciñais.


Detalle de casa de Sardecoiro

Para que chegaran a asinar o trato, o conflito tivo que ser contundente e de moita sona na comarca, mais o Mosteiro de Sobrado, neses tempos, é coma unha gran empresa, ten propiedades nas vilas máis importantes do camiño, controla a xustiza, o poder civil, e ata chegarán a controlar o portazgo (peaxe) no porto da Coruña, levaban tódolos triunfos para impoñer o seu criterio. A documentación dos tombos de Sobrado non nos deixou máis pegadas do conflito, non obstante a paisaxe da zona e as aldeas de Vilar de Vella e Sardecoiro transpórtannos a aqueles tempos de Courium e Avellam.

Destes documentos sacamos, ademais, varias certezas que teremos que investigar; Sardecoiro vén de Courium, Caurium. Vilar da Vella de Avellam (de abelá nada vella) e dos monxes de San Xián de Freires de Sardecoiro nin rastro polo de agora.

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

(1)Pax. 17 e ss. De Galicia en la Edad Media...
(2)Pax. 156 El Monasterio de Sobrado
(3)Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes
(4)Pax. 189. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 178
(5)Pax. 184-185. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 173
(6)Pax. 154. El Monasterio de Sobrado. Pax. 187
(7)Pax. 186 Tubo II de Sobrado de los Monjes, nº documento, 174
(8)Pax. 188. Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 176
(9)Pax. 192 Tumbo II de Sobrado de los Monjes, nº documento 181
(10)Pax. 165. El Monasterio de Sobrado
(11)Pax. 182. El Monasterio de Sobrado


Bibliografía

PALLARES MÉNDEZ, M.C. El monasterio de Sobrado: un ejemplo del protagonismo monástico en la Galicia medieval, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 1979.

PORTELA, E. PALLARES, M.C. De Galicia en la Edad Media. Sociedad, Espacio y Poder. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1993.

LOSCERTALES DE G. DE VALDEAVELLANO, P. Tumbos del Monasterio de Sobrado de los Monjes Dirección General del Patrimonio Artístico y Cultural, Archivo Histórico Nacional, Madrid, 1976.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Preito Pela e Monte Longo

Era o 11 de febreiro de 1209. Empeza o preito sobre a herdanza de Avellam (actual Vilar da Vella) que está entre Pela e Sanctum Iulianum de Fratibus (San Xián de Frades, actual Sardecoiro, tamén chamado nos textos antigos; Courium ou Caurium).

Por conseguinte reunidos por un lado frades de Superaddi (Sobrado) e por outro homes de Pela e Monte Longo , elixiron en representación seis homes bos; Suerium Didaci de Marogio (Maroxo), Lupum Fernandi de Monte Longo (Montelongo), Munium Petri de villa Antimi (Vilantime), Petrum Muniz fillo de Munio Petri, freire de Sancto Romano (San Román), Arias Petri de Veigundo (Beigondo), así dividiron entre eles promulgando a herdanza e a división de dita herdanza; por aquela parte que descende de monte Calvo (Montes de Ribeiro?) e de alí pola fonte que está ao pe daquela vía que vai de Pela a Courium (Sardecoiro) e de alí pola mesma fonte que entra no río de Pela (río Boente) e posúen alí marcos, un no monte en dirección da fonte de Arenis Albis (Areas Brancas, Albín?), e outro por aquela parte que descende de monte Calvo, e vírase cara a cima da fonte que entra en Pela. Nós frades de Superaddi (Sobrado) saudamos e confirmamos os termos e as divisións que nós e os homes de Pela e de Monte Longo facemos, polo que asinamos un firme final para sempre. Do mesmo xeito, nós homes de Pela e de Monte Longo saudamos e confirmamos os termos e as divisións que entre nós e os frades de Superaddi (Sobrado) facemos, polo que asinamos un firme final para sempre.

Así pois, se este firme e satisfactorio acordo se quebrantara o infractor pagará unha porción de mil solidos (soldos, moeda da época). Aquí presentes foron; Veremudus Pelagiicellerarius (responsable máximo das cousas materiais do Mosteiro de Sobrado)ts, e cf., Petrus Iohannis cantor ts. e cf., frei Menendusmagister (mestre,responsable xefe) de Courio (Sardecoiro) ts. e cf., frei Petrus ts. e cf., Lupus Fernandi de villa Antimi, Arias Matini de Monte Longo, Petrus Muniz de Monte Longo, Petrus Diat de Pela, Petrus Muniz de Pela ts. e cf. Isto foi feito en días que rexía Adefonsi(Afonso VIII ou IX, fillo de Fernando II) e o Arcebispo Beato Xacobeo; don Petri Munit e o bispo lucense don Ruderici, e Roderico Gundizalui tenente de Sarriam e Monte Nigro e metade de Transtamar, Roderico Arias de terras de Avancus (Abeancos) e a dona Onega Odoarii tenente de Castaneda (Castañeda) e coto de villa Antimi (Vilantime), Petrus Martini ts., Petri ts., Iohannes Odoarii ts.

Tumbo II, fols. 74 v. – 75 r.

Documento nº: 182. Tombo II. Paxina, 193 de Tumbos de Sobrado de los Monjes de Loscertales De Valdeavellano, Pilar. Madrid, 1976. ISBN 84-3690-070-7
Tradución do latín ao galego de Celso Alberte Magariños Costas

Un veciño de Armea atopa un posible santuario castrexo

Atopada unha estela de guerreiro con carro en Castrelo do Val

$
0
0
Estela de guerreiro en carro de Castrelo do Val, Ourense
Interesantísimo achado  dunha estela de guerreiro conescudo con escotadura en V , estaría datada na Idade de Bronce entre os 1200 e 1000 anos a.C.

Estela de Solana de Cabañas. Cáceres

Este tipo de estela, coñecida coma estelas do Suroeste, por situarse nesta rexión peninsular o epicentro deste fenómeno cultural (Extremadura española e portuguesa, así como Andalucía occidental), amosa outra proba da importancia estratéxica da nosa terra na prehistoria;  «O seu achado referenda que Galicia foi un lugar de comunicación entre as culturas mediterráneas e as illas Británicas», explica o arqueólogo Alberte Reboreda na Voz. Pena que a información amose só unha fotografía.

Post Data:
Xa temos máis información na web de Cultura Galega e na web do Concello de Castrelo do Val.


Estela de Castrelo do Val

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

Propostas do movemento 15 de maio

$
0
0
Dado a importancia histórica do fenómeno social ( 15 de maio), que se está producindo en todo o estado, publicamos aquí as propostas económicas, sociais e políticas de dito movemento asembleario:
Texto extraído da web de Democracia Real Xa. Máis información en facebook
Propostas
Estas son algunhas das medidas que, en canto cidadáns, consideramos esenciais para a rexeneración do noso sistema político e económico. Opina sobre estas e propón as túas no foro!



1. ELIMINACIÓN DOS PRIVILEXIOS DA CLASE POLÍTICA:


Control estrito do absentismo dos cargos electos nos seus respectivos postos. Sancións específicas por renuncia de funcións.

Supresión dos privilexios no pagamento de impostos, os anos de cotización e o importe das pensións. Equiparación do salario dos representantes electos ao salario medio español máis as axudas necesarias indispensables para o exercicio das súas funcións.

Eliminación da inmunidade asociada ao cargo. Imprescriptibilidade dos delitos de corrupción.

Publicación obrigatoria do patrimonio de todos os cargos públicos.

Redución dos cargos de libre designación.

2. CONTRA O DESEMPREGO:



Repartición do traballo fomentando as reducións de xornada e a conciliación laboral ata rematar co desemprego estrutural (é dicir, ata que o desemprego descenda por debaixo do 5%).

Xubilación aos 65 e ningún aumento da idade de xubilación ata rematar co desemprego xuvenil.

Bonificacións para aquelas empresas con menos dun 10% de contratación temporal.

Seguridade no emprego: imposibilidade de despedimentos colectivos ou por causas obxectivas nas grandes empresas mentres haxa beneficios, fiscalización ás grandes empresas para asegurar que non cobren con traballadores temporais empregos que poderían ser fixos.

Restablecemento do subsidio de 426 € para todos os parados de longa duración

3. DEREITO Á VIVENDA:



Expropiación polo Estado das vivendas construídas en stock que non se venderon para colocalas no mercado en réxime de aluguer protexido.

Axudas ao aluguer para mozos e todas aquelas persoas de baixos recursos.

Que se permita a dación en pagamento das vivendas para cancelar as hipotecas


4. SERVIZOS PÚBLICOS DE CALIDADE:


Supresión de gastos inútiles nas Administracións Públicas e establecemento dun control independente de presupostos e gastos.

Contratación de persoal sanitario ata rematar coas listas de espera.

Contratación de profesorado para garantir a ratio de alumnos por aula, os grupos de desdobre e os grupos de apoio.

Redución do custo de matrícula en toda a educación universitaria, equiparando o prezo dos posgraos ao dos graos.

Financiamento público da investigación para garantir a súa independencia.

Transporte público barato, de calidade e ecoloxicamente sostible: restablecemento dos trens que se están a substituír pola AVE cos prezos orixinarios, abaratamento dos aboamentos de transporte, restrición do tráfico rodado privado no centro das cidades, construción de carrís bici.

Recursos sociais locais: aplicación efectiva da Lei de Dependencia, redes de coidadores locais municipais, servizos locais de mediación e tutelaxe.
 
5. CONTROL DAS ENTIDADES BANCARIAS:
Prohibición de calquera tipo de rescate ou inxección de capital a entidades bancarias: aquelas entidades en dificultades deben quebrar ou ser nacionalizadas para constituír unha banca pública baixo control social.

Elevación dos impostos á banca de xeito directamente proporcional ao gasto social ocasionado pola crise xerada pola súa mala xestión.

Devolución ás arcas públicas por parte dos bancos de todo capital público achegado.

Prohibición de investimento de bancos españois en paraísos fiscais.

Regulación de sancións aos movementos especulativos e á mala praxe bancaria.
 
6. FISCALIDADE:
Aumento do tipo impositivo ás grandes fortunas e entidades bancarias.

Eliminación das SICAV.

Recuperación do Imposto sobre o Patrimonio.

Control real e efectivo da fraude fiscal e da fuga de capitais a paraísos fiscais.

Promoción a nivel internacional da adopción dunha taxa ás transaccións internacionais (taxa Tobin).
7. LIBERDADES CIDADÁS E DEMOCRACIA PARTICIPATIVA:
Non ao control de internet. Abolición da Lei Sinde.

Protección da liberdade de información e do periodismo de investigación.

Referendos obrigatorios e vinculantes para as cuestións de gran calado que modifican as condicións de vida dos cidadáns.

Referendos obrigatorios para toda introdución de medidas ditadas dende a Unión Europea.

Modificación da Lei Electoral para garantir un sistema autenticamente representativo e proporcional que non discrimine a ningunha forza política nin vontade social, onde o voto en branco e o voto nulo tamén teñan a súa representación no lexislativo.

Independencia do Poder Xudicial: reforma da figura do Ministerio Fiscal para garantir a súa independencia, non ao nomeamento de membros do Tribunal Constitucional e do Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do Poder Executivo.

Establecemento de mecanismos efectivos que garantan a democracia interna nos partidos políticos.

8. REDUCIÓN DO GASTO MILITAR

Estamos en mans de delincuentes

$
0
0
O profesor Arcadi Oliveresé doutor de Ciencias Económicas dende 1968 pola Universidade de Barcelona, participou e participa en organizacións pacifistas dende 1966 ata hoxe. Ei vai unha máis que interesante charla:

Os nemetóns; santuarios, druídas e trebas celtas na Gallaecia

$
0
0
Nemetón, palabra céltica que significa santuario, bosque sagrado(1) . Ben se sabe que a relixión céltica non precisaba de pétreos templos nin de estatuas para gañar os favores dos deuses, na natureza invocaban as súas divindades, e os bosques sagrados en lugares estratéxicos era a norma xeral en tódalas tribos ou trebas. Estes lugares sagrados derivaron en moitos casos en poboados de certa importancia, ou deron o seu nome ás tribos do contorno.



En irlandés antigo existe a palabra nemed, co mesmo significado de santuario, mais tamén 'nobre, persoa con priviléxios'. Nemed era tamén o líder dos segundos invasores de Irlanda que loitaron contra os Fomores, como recolle o Libro das Invasións irlandés (a lenda de Breogán está incluída neste libro), Nemed (igual que tódolos invasores de Irlanda, excepto os Tuatha de Danann ) proviña de Hispania (Galicia, se entende), do País dos Mortos segundo a interpretación de D´Arbois de Jubainville na súa obra O ciclo mitolóxico irlandés.


Drunemeton (santuario dos cabalos ou gran santuario) era o lugar de reunión do pobo celta dos gálatas no centro de Asia Menor(2) . A deusa Nemetona ou as Matres Nemetiales, topónimos coma Augustonemeton na Galia e Medionemeton ao norte de Britania(3) , son algúns exemplos das pegadas dos bosques sagrados nos pobos celtas.

Monte Neme ao lonxe Baldaio


Na vella Gallaecia temos unha sólida constancia destes nemetóns e a súa evolución, a historia romana e a arqueoloxía amosan a súa existencia;


- Na zona de Trives, Ptolomeo (xeógrafo grego do s. II) localiza o poboado Nemobriga.


- V(icus) Nemetobrica, inscrición en pedra atopada en Codosedo, Sarreaus(Ourense) preto de Vilar de Barrio, esta ara ten unha correspondencia case exacta coa información de Ptolomeo.


- Nemocelo inscripción atopada nunha ara de Chaves (Portugal)


- Deo Domeno Cusu Nemedeco, inscrición atopada en San Tirso de Burgâes, distrito de Porto (Portugal). Sería polo tanto un santuario do deus Coso(4) .


- Ptolomeo fálanos do grupo étnico dos Nemetates no noroeste da Tarraconense (5


Hoxe en día, logo de máis de dous mil anos, os lugares que nos indican algunha relación cos nemetóns galegos amósanse na toponimia, nas lendas e nas tradicións da nosa terra. A cristianización de santuarios rurais por santos e santas de diferentes nomes son innumerables, busquemos os que amosan a raizNeme e o seu entorno:


Nas terras da Costa da Morte, no territorio medieval de Nemancos e Célticos., localizamos San Tomé de Nemeño ( Ponteceso) onde se atopa o castro de maior dimensión da comarca, a dous quilómetros cara o noroeste San Xián de Brantuas a un quilómetro de San Xián no alto do Monte do Faro atópase a capela e fonte da Nosa Sra do Faro, preto de alí ao sur de Corme atópase a Illa da Estrela, onde había dous círculos líticos (cromlech). Preto de Corme en Gondomil temos a famosa Pedra da Serpe cristianizada cun cruceiro. Máis ao norte, a capela de San Hadrián coa súa fonte de augas curativas, ao pe do Monte de Beo (beo, de vivo en lingua céltica) onde se atopa o castro Bico do Castro, a lenda di que San Hadrián fendeu na rocha a Serpe de San Hadrián cando ía cruzar cara as Illas Sisargas(6) .
San Hadrián


Preto de Buño, no concello de Malpica, temos o Monte de Neme, dende onde hai unhas excelentes vistas panorámicas sobre a comarca, na súa aba norte atopábase a Eira das Meigas ou Circo de Xogos, un cromlech, remodelado hai pouco por un veciño, onde, segundo a tradición popular, a noite de San Xoán xuntábanse as bruxas para argallar os seus enredos contra os veciños, tamén existía a capela e fonte santa de Santa Cristina (7). Este monte foi castigado duramente pola súa riqueza mineral; estaño, wolframio e agora grava foron as explotacións mineiras que soportou e soporta o ancestral bosque sagrado de Neme, seguramente, dende a prehistoria. Aprobada, o ano pasado, a instalación dun parque eólico na súa cima, o Monte Neme parece condenado a sufrir un castigo divino e humano.


A parroquia de Leis de Nemancos entre Muxía e Camariñas. Este lugar refírese á comarca medieval de Nemancos.


San Cristovo de Nemiña (Muxía), coa súa praia rodeada de natureza, recórdanos o que André Pena na súa obra, San Andrés de Teixido, apunta sobre outro San Cristovo, o das Serpes de Brión (Ferrol); coma posiblemente outro dos lares viales galegos, tiña a piadosa tarea de socorrer persoalmente re¬colléndoas, unha a unha, da area, e subíndoas as súas costas, ás almas que chegando tarde ao peirao cha¬mado “Areas do Paradiso” no seu santuario de Ferrol perdían o barco para o“Alén”, o “Máis Alá”.
Sisargas e San Hadrián dende a Eira das Meigas no Monte Neme


Cara o este; o Territorio Nemitos  era o antigo nome da comarca entre os rios Mero e Mandeo por terras de Betanzos, o territorio altomedieval Nendos , non parece nada descabellado identificar o medieval Territorio Nemitos co territorio da treba dos Nemetates dos que nos falaba Ptolomeo.


Santa Cristina de Nemenzo no lugar da Pedra , no concello de Santiago de Compostela, coma en Monte Neme, quizais cristianizaría un nemetón.


I e que hai que botarlle unha ollada ao censo de Agripa e decatámonos que toda esta zona era habitada polos pobos célticos Supertamarcos e Praestamarcos, estes pobos estaban formados por diferentes trebas dando algunha delas nome ás comarcas que habitaban ata o medievo; Nemitos, Nemancos, Célticos,...


Establecidos enriba e debaixo do río Tambre a súa pegada céltica é indubidable, dende a toponimia ata a arqueoloxía (cinco estelas de celticos supertamarcos) deixaron constancia da súa cultura celta.


Se había nemetóns e os seus usuarios eran célticos alguén tiña que dirixir as ofrendas e ritos divinos. Na Galia, en Irlanda e en Britania está documentado a existencia dos druídas, os sacerdotes das tribos celtas. Pois ben, hai pouco no veciño blog Fror na Area, falábannos de tres incripcións (atopadas en Vigo, Guimaraes e Braga) que se refiren, moi posiblemente a druídas, na de Guimaraes reza o seguinte; DEO D/URBED/ICO, o deus dos druídas, sería a súa traducción. Magulan en Arzúa quizais responda á existencia dun mago (así chamaban os romanos aos druidas) na terra cha da parroquia de Lema.
Mais, na mitoloxía irlandesa atopamos o elo que une os nemetóns da Gallaecia coa nosa veciña Irlanda. H. D´Arbois de Jubainville fai un exhaustivo estudio sobre o Lebar Gabala, Libro das Invasións ou das Conquistas, onde esmiúza os principios fundamentais da mitoloxía céltica. D´Arbois insiste ao longo da súa obra sobre a confusión ocasionada polos cristiáns irlandeses entre Hispania e Bretaña (sobre todo Hispania) co País dos Mortos ao transcribir a mitoloxía céltica(8) . Ao seu entender, que os cristiáns irlandeses citen a Hispania coma o país de orixe das razas invasoras de Irlanda; a de Partolón, a de Nemed (que regresa a Hispania) e a de Mile (neto de Breogán) é unha cristianización do que a mitoloxía céltica chamaría o País dos Mortos.

Eburia dos célticos supertamarc


Pois ben, D´Arbois, ten moita razón en insistir sobre o País dos Mortos, mais, pese ao seu encomiable traballo, os medios para a investigación a principios do século XX son limitados, polo que esqueceu colocar a lupa sobre a nosa Galicia e isto levouno a cometer erros coma identificar Braganza coa ancestral Brigantia (hoxe, sen ningunha dúbida; A Coruña), ou descoñecer que na nosa terra temos unha costa chamada dende séculos Costa da Morte, uns antigos Territorio Nemitos (o ancestral territorio dos nemetates?), Nemancos ou Célticos e unha cultura ancestral arredor da morte.


Efectivamente a mitoloxía refírese ao País dos Mortos e, coma na Bretaña, sería un dos nomes co que a Gallaecia sería coñecida na antigüidade entre os pobos célticos, ese país que os romanos de Xuño Bruto non se atrevían a pisar, xa que ao cruzar o río Limia quedarían desmemoriados ou zombies, era o país que ofrecía a visión do deus solar deitándose no océano, o país onde os mortos embarcábanse cara o paraíso.


A Gallaecia era o país do Fin da Terra; o País dos Mortos.


A costa galega era a última estación cara o Máis Alá. Dende o Aloia, dende Castro de Donón (Cangas), Moraime (Muxía), Nemiña, Brigántium, Brión (Ferrol), dende Teixido, Trebo (Cariño),.. as tribos castrexas adorarían ao deus dos camiños, o deus que chamaban Bero, Breo,Brea, Brenus, Bregón, Breogán ou Bran, o deus encargado de conducir aso vivos polo bo camiño e aos mortos ao bo porto das Illas Marabillosas.


É por iso que, non esquezan; a San André de Teixido vai de morto o que non foi de vivo.

Ata sempre e bo proveito, gonzos@latinmail.com

(1)Vid. HOLDER, Altceltischer, II, 712. Vid. 2. III. 21, s.u. Nemetobriga.



(2)Pax. 52 A Galicia Celta


(3)Pax. 50 A Galicia Celta


(4)Pax. 50 A Galicia Celta


(5)Pax. 242-243. La Península Ibérica en la Geografía de C. Ptolomeo.
(6)Pax. 151 A Comarca de Bergantiños



(7)Pax. 159 A Comarca de Bergantiños

(8)Pax.81-83 e pax. 151. El ciclo mitológico irlandés y la mitología céltica






Bibliografía



FERNÁNDEZ CARRERA, X. A Comarca de Bergantiños. Concello de Carballo, A Coruña, 2001.


BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta. Edicións Lóstrego, Noia, 2007.


H. D´ARBOIS DE JUBAINVILLE. El ciclo Mitológico Irlandés y la Mitología Céltica, Edicomunicación S.A.. Barcelona, 1986


GARCÍA ALONSO, J.L. . La Península Ibérica en la Geografía de Claudio Ptolomeo. Universidad del País Vasco, Gasteiz, 2003.


GREEN, MIRANDA JANE. Mitos celtas.Ediciones Akal, Madrid, 2001


PENA GRAÑA, ANDRÉ.Las Trebas, "tribus" celtas de Gallaecia y su constitución política: estudios de la Edad del hierro en el Noroeste penínsular. Revista Gallaecia nº 25, Santiago, 2006 

Primeiras novas do Santuario castrexo de Armea

$
0
0
O arqueólogo Adolfo Fernández dirixe a excavación do Monte do Señoriño
As escavacións arqueolóxicas no Santuario castrexo de Armea (Allariz), (descuberto polo veciño de Armea, Manuel Losada) realizadas polo equipo do Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo baixo o patrocinio do Concello de Allariz, vai dando os seus abraiantes froitos. Manuel Gago no seu Capítulo Cero (por certo, seguide a historia do ouro dos mouros, fascinante..) fainos un detallado resumo do achado.
Sen dúbida estamos ante un novo tempo para o estudio da cultura castrexa.

Cabezas cortadas a tradición continúa 2. A cabeza de Buazo

$
0
0
Cabeza cortada Entremont
Non deixaremos de recordar aquilo que no século VI, o Papa Gregorio Magno recomendaba: " Non suprimades os festíns que celebran aquelas xentes nos sacrificios que ofrecen ós seus deuses;trasladalos ó día das festas dos santos mártires, co fin de que , conservando algunhas groserías , alegrías da idolatría, se predispoñan máis doadamente a gustar das ledicias espirituais da fe cristiá ."

E claro a Igrexa houbo de comulgar con festíns e costumes ben pagás. As igrexas do románico e sobre todo as rurais acolleron estraños símbolos e rarezas esculpidas na pedra dos seus tímpanos e portas. Entre estas rarezas atopamos as chamadas cabezas cortadas.

Xa falamos noutra ocasión dos poderes máxicosque para os pobos celtas posuían as cabezas cortadas. Sobre todo outorgaban protección aos fogares e familias.

Posidonio (135-51 a.C.) ,que pateou a Galia a base de ben, dicía que aquelas cabezas humanas penduradas das portas nas aldeas chegaran a facérselle familiares. Cravalas caliveras nas portas das casas coma se foran trofeos era unha costume estendida por toda a Galia. Diodoro de Sicilia (s. I a. C.) refire que os galos «cortan a cabeza aos inimigos caídos e a suxeitan ao pescozo dos seus cabalos (…).  Silio Itálico (25-101 d. C. ) di que os galos consagraban nos templos a cabeza cortada do xefe inimigo.  Estrabon (64 a.C- 24 d. C.) fala deste rito utilizado polos druídas” .

Esas cabezas logo converteríanse en cabezas de pedra e enmoitas aldeas incrústanse nos muros defensivos dos castros ( cabezas deArmea, Ourense) , co tempo as caliveras e as cabazas iluminadas tomaron o relevo.

Asemade os deuses dos camiños, son representados por cabezas de pedra de tres ou catro caras (o chamado Hermes de Pontedeume).

Decapitados Entremont

A idea dun culto da cabeza cortada entre os celtas comeza a prosperar coa aparición de dous famosos templos descubertos no sur da Galia,  Roquepertuse e Entremont . Neste último atopáronse vinte cranios na zona do santuario, que quizais formaron parte de ofrendas votivas de algún tipo.  Estes cranios decorados crese que foron usados polos druídas para as súas libacións rituais.l 

Estes tipos de costume era norma común nos pobos célticos.
 
Coa chegada da Idade Media este estraño rito continua latindo en diferentes manifestacións;

Alain Desgris falando das cabezas cortadas incide nasfiguram baffometi  (a figura de Bafomet) que saen a relucir nos procesos contra os templarios. No 11 e maio de 1307 a comisión ordena a Guillermo Pidoye, administrador dos bens do Temple que entregue tódalas reliquias templarias confiscadas. Pidoye e Guillermo de Gisors presentan unha cabeza. En realidade un busto oco de muller feito en prata dourada, que conten dous fragmentos de cabeza humana (envoltos en tea vermella), atopado na casa do Temple de París, baixo torturas algúns templarios relataron que era unha das once mil virxes mártires da Cristiandade, outros a pegada do papa  Silvestre II.
Fala  Alain Desgris  da tese da cabeza relicario e a súa relación co Grial analizando os detalles que se observan na igrexa templaria de  Anzeghem (Flandes belga), onde, en certas cerimonias, o oficiante mostra unha cabeza barbuda (Bafomet) de madeira que conten un fragmento do cráneo de San Xoan Bautista. As virtudes que se lle supoñían a esta cabeza gardan relación con outras decapitacións célebres (de Orfeo, do celta Bran o Bendito, de Cuchulainn, etc..), que sempre deron orixe a cultos nos que a cabeza ofrecía protección e era símbolo de resurrección[1].
Posible Baphomet

Na Historia Compostelana, escrita cara o 1140, nárrase a historia da reliquia da cabeza de Santiago o Maior ( realmente do Menor), atopada por revelación do Espírito Santo nunha igrexa de Xerusalén polo entón bispo de Coimbra, Mauricio (logo arcebispo de Braga e finalmente antipapa). Mauricio róubaa unha noite, e cando secretamente a transporta, un ermitán indícalle que coñece milagrosamente o roubo , pero que non se opón, porque “é oportuno que onde está o corpo do santo apóstolo , este tamén a cabeza”. Posteriormente esta reliquia , a través da raíña Urraca, chega a Compostela, onde a recibe solemnemente Xelmírez no 1116. O máis sorprendente deste episodio é que se fixera compatible coa insistencia dos textos composteláns no feito de que se atesoura en Santiago o corpo completo do apóstolo, coa súa cabeza (como recollerán incluso lendas tardías). É verdade que posteriormente acabarase por identificar a reliquia coma a cabeza de Santiago Alfeo.[2].
Dende o século XII co Arcebispado acadado por Diego Xelmírez para Compostela, a Catedral é o centro de celebración das festas relixiosas; Páscua, Pentecostés, Nadal, Corpus, e claro o Santiago Apóstolo, son festas mitradas ás que os capitulares da Catedral tiñan que asistir coas súas mellores galas ás procesións que saían da catedral. Nestas festas principais sacábase tamén en procesióna cabeza deSantiago (realmente Santiago Alfeo, o Menor, un dos doce apóstolos), coa que ata finais do século XIV tamén se recibían ás grandes persoeiros que se achegaban a Compostela.
Afonso VII, no 1127,(antes de lear con Xelmírez) foi recibido pola cabeza de Santiago Alfeo. Prohibiuse ese rito no ano 1385[3]. Mais, no século XV, esta cabeza de Santiago Alfeo tiña unha arca onde os peregrinos, chegados de tódolos lares, depositaban as súas ofrendas[4].
Cabeza de Santiago o Menor. Compostela

Berenguel de Landoira no 1322 encarga o relicario no que hoxe segue conservándose.
Tamén no Medievo aparecen en igrexas, e máis tarde en casas da nobreza, os chamados homes verdes;

 Os green mandas Illas Británicas, le feuillou en Francia, blattqesicht en Alemaña, etc..adoita figurarse como unha cara cuberta de follas, as cales, correntemente, aínda que non sempre, saen da súa boca a partir de ramas ou caulículos. Atópanse en boa parte de Europa, pero de maneira especial nos países do arco atlántico, alí onde a cultura celta deixou unha pegada máis fonda[5].

Estes homes verdes aparecen nun incensario dun anxo na Porta de Praterías da Catedral de Santiago (s. XII), na igrexa do Hospital de Quiroga, Lugo; na igrexa de San Francisco de Betanzos (s. XIV); na de San Xulián de Ventosa en Agolada (s. XVI); na fachada da Casa da Parra (s. XVII) na Quintana dos Vivos en Compostela....

Trátase de asegurar a comunicación cun deus dador de vida, un deus que resucita ós mortos. ¿E cal é a imaxe dese deus? Pois parece evidente que é a dese home, esa cara, que vomita vida: ramas e follas pola boca[6].

Quizais os homes verdes sexan a evolución cristianizada dos deuses dos camiños, os deuses que comunicaban a vida coa morte e a morte coa vida.


Homes verdes na Casa da Parra. Compostela
Non cabe dúbida que a cabeza cortada seguiu conservando o seu prestixio máxico. E como vemos en Galicia os templos rurais ostentaron esas cabezas cortadas en pedra ou caliveras ata hoxe sen disimulo:

Nos Vaos (Ribeira de Piquin, Lugo) atopamos cinco cranios incrustados sen mandíbula na parede da igrexa a 3 metros do chan, coma se asistirán a misa.

En Santa Comba de Órrea (Riotorto, Lugo)  na Serra de Meira, xusto enriba da pía bautismal atópase un cranio sen mandíbula mirando cara ao altar maior.

En Santa María de Conforto (A Pontenova, Lugo), con fonte curativa, o templo ten porta do Sol (sur), con reloxo solar, porta da lúa (norte),  e porta principal ao oeste. Entrando pola porta do Sol, a man esquerda sobre unha pía bautismal un cranio, tamén carece de mandíbula inferior.

Na igrexa parroquial de San Xoán dos Vaos ata o último cuarto do século pasado, poñíase unha calivera sobre unha mesa situada no centro da nave maior durante a novena de Defuntos[7].

A 20 quilómetros destas igrexas nas escavacións arqueolóxicas do castro asturiano de Chao Samartin en Grandas de Salime atopouse un cranio de muller xunta a porta de acceso ao recinto castrexo.[8]



Cabeza castrexa de San Pedro de Trasalba

En  San Pedro de Trasalba (Amoeiro), no Medievo, territorio templario, temos a coñecida cabeza castrexa incrustada na parede da ábsida. Preto de alí, en San Xiao, as tres cabezas cortadas (cabezóns) en piares de pedra na casa das tías Casildas. En Rianxo, na ermida de San Pedro de Vilas temos tres cabezas cortadas na súa fachada (interesante artigo na Ilha de Orjais sobre esta capela). Nun muro do adro da igrexa de San Mamede do Castro (Silleda) atopamos outra cabeza castrexa(9).

Na igrexa parroquial de Santa María de Buazo, no concello de Boimorto, enriba da porta principal orientada ao  solpor, atopamos outra cabeza cortada en pedra, tamén dá a impresión de ser reutilizada.   Non temos noticias da orixe desta cabeza, pola súa tipoloxía podería ser unha cabeza castrexa (moi preto da igrexa atópase o Castro das Medorras) ten a boca entreaberta, o  seu ollo esquerdo recorda aos das cabezas de Armea, mais, non se aprecia nariz nin ollo dereito moi desgastados.
O que nos importa aquí é que é unha cabeza feita para incrustala na parede, a súa función é unha función de prominencia sobre a porta principal, parece estar concibida para a protección dos usuarios do templo. Hai que constar tamén que Buazo (Buazu) foi territorio pertencente aos monxes cistercienses de Sobrado.       

       

                En tódolos casos, excepto nos homes verdes (ao noso parecer unha resposta culta do cristianismo a uns ritos ferreamente espallados na cultura do pobo), as cabezas cortadas teñen unha localización destacada  nos templos coma antes nos castros. Aquelas cabezas que protexían e metían respecto, co tempo convertéronse en cabazas e calacús que meten medo.
Máis nada, coidado co Ghalopín, feliz Samaín e ánimo que o San Martiño e o Magosto xa están aí.

Ata sempre e bo proveito. anosahistoria1@gmail.com



BIBLIOGRAFÍA

LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003


PÉREZ RODRÍGUEZ, F.J. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400). Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.

ALAIN DESGRIS. Misterios y revelaciones templarias, Carroggio Belacqva de Ediciones, Barcelona, 2003.
DÍAZ Y DÍAZ, M.C. De Santiago y de los Caminos de Santiago. Xunta de Galicia, Santiago, 1997.
ERIAS MARTÍNEZ, A. O home que vomita ramas… Anuario Brigantino nº32. Betanzos, 2009. http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab2009PDF/2009%20INDICE.htm
ABRAIRA PÉREZ, M.A, La muerte de cara y la cara de la muerte….Revista Gallaecia nº24. Santiago, 2005.http://dialnet.unirioja.es/servlet/listaarticulos?tipo_busqueda=EJEMPLAR&revista_busqueda=611&clave_busqueda=117432

MARIÑO FERRO, X.R. Leyendas y Milagros del Camino de Santiago, Ellago Ediciones S.L., Vilaboa (Pontevedra), 2010.
CALO LOURIDO, F. A plástica da cultura castrexa galego portuguesa, Fundación Barrie de la Maza, Pontevedra, 1994.



ARIZAGA CASTRO, ÁLVARO R.1 - FÁBREGA ÁLVAREZ, PASTOR2, AYÁN VILA, XURXO M.2 - RODRÍGUEZ PAZ, ANXO3. A APROPIACIÓN SIMBÓLICA DA CULTURA MATERIAL CASTREXA NA PAISAXE CULTURAL DOS CHAO DE AMOEIRO (OURENSE,GALICIA)
CUADERNOS DE ESTUDIOS GALLEGOS, LIII
N.º 119 enero-diciembre (2006), pp. 87-129
http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/4/14

http://www.entremont.culture.gouv.fr/en/index2.htm

http://ilhadeorjais.blogspot.com/2011/07/n-116-sao-pedro-de-vilas.html











[1] Pax. 129 e ss. Misterios y revelaciones templarias


[2] Pax. 73 -74. De Santiago y otros Caminos de Santiago


[3] Pax. 143. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400)


[4] Pax. 147. La Iglesia de Santiago de Compostela en la Edad Media: El Cabildo Catedralicio (1110-1400)


[5]Pax. 285. Anuario Brigantino 2009, nº32. Alfredo Erias Martínez. O home que vomita ramas..


[6]Pax. 288. Anuario Brigantino 2009, nº32. Alfredo Erias Martínez. O home que vomita ramas..


[7]Pax. 353 la muerte de cara y la cara de la muerte. Revista Gallaecia nº24


[8]Pax. 355 la muerte de cara y la cara de la muerte. Revista Gallaecia nº24
(9) Pax. 647. A Plástica da cultura castrexa

Pan, Idioma e Música

Magosto, festa herdeira do Sámonos galaico (Samaín)

Bo Nadal

Viewing all 63 articles
Browse latest View live