No santuario do San Andrés non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano.
Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra.[1]
Otero Pedrayo, 1929
San Andrés apóstolo e mártir, irmán de San Pedro, é coñecido na nosa terra por arribar nunha barca que se petrificou nos acantilados de Teixido. É o noso santo condutor de almas máis recoñecido, si no norte de Portugal a visita ao sepulcro de Santiago (igual que a Teixido) tense que facer en vida ou despois de morto:
S. Tiago de Galiza
Vós sendes tâo interesseiro,
Ou em morte ou em vida
Hei-de ir ao vosso mosteiro[2]
Na nosa terra é sabido que Xesucristo convenceu a San André para que ficase no Cabo do Mundo (Teixido) dicíndolle:
Quédate aí, Andrés,
que o que non veña de vivo unha vez
virá de morto tres[3]
![]() |
Cruz de Malta na Capela da Fame. Liñeiro |
A imaxe de San André saíndo do corazón dunha mazáé do máis simbólico, a mazá é a froita de poder na mitoloxía céltica, o ramo que transvasao poder ten mazás, na mitoloxía grega a mazá da discordia é a causante primaria da Guerra de Troia, para o cristianismo a mazá é a orixe do pecado orixinal. San André sae dunha mazá símbolo de poder e paganismo para cristianizar ás xentes do Cabo do Mundo -como tamén é coñecido Teixido-, xentes que deixaron pegadas dunha cultura prerromana nos cultos e ritos a San André.
A peregrinación a Teixido, forma parte da nosa condición coma galegos, da nosa idiosincracia. Na Idade Media (consérvase documentación de 1162 que certifica a existencia dun mosteiro en Teixido) a peregrinación a Teixido era tan popular coma a xacobea, entre os galeg@s, máis. Para chegar a Teixido os galeg@s e demais visitantes trazaron varios camiños:
Otero Pedrayo amósanos a ruta que dende Ourenserecorría as terras de Monterroso, Palas, Lugo, Vilalba, As Pontes, San Pedro deEnchousas (As Somozas), San Xeao dos Osos en Labacengos (Moeche), Campo do Hospital (Ortigueira), San Roque de Reboredo e Teixido.[5]
Outro camiño, o Camiño dos romeiros, o máis coñecido, arrancaba do suroeste viña de Ferrol ou Pontedeume, pasa polo Mosteiro de Xubia, Ermida de Liñeiro, chamada tamén Capela da Nosa Sra. da Fame (Valdoviño), Porto do Cabo (onde se xuntan os que veñen de Portugal), San Roque de Reboredo e Teixido.
Pero quizais o camiño máis ancestral que nos leva a Teixido é o Camiño do Mar continuación do Camiño Xacobeo do Norte e que dende Ribadeo lévanos a Teixido pasando por Viveiro, é a ruta do mar, a chamada, en Cantabria; VIA Agripa, o camiño que viña bicando o Mar Cantábrico ata o Finis Terrae, protexido pola Orde de Malta con posesións en Castropol (Asturias), Ribadeo e Ortigueira, desde esta vila facíase o tramo marítimo ata o lugar de Fontelas de San Adrián de Veiga, onde se atopaba un dos castros costeiros da ría de Ortigueira[6].
Por último, non debemos esquecer o CamiñoVello, o chamado Camiño dos Mortos (curioso cualificativo) que dende Cariño pasaba por San Xiao de Trebo (topónimo céltico, capela con vestixios arqueolóxicos romanos e suevos), cruzaba a Capelada, proseguía por Teixido e remataba en Santa María de Régoa (capital da parroquia á que pertence Teixido).[8]
Cruz de Malta e escudo dos Andrade en San André de Teixido |
![]() |
Fonte de San André de Teixido coa cruz de aspas e tres canos |
Unha curiosa anécdota aconteceulle a quen vos fala en San Andrés de Teixido; era unha mañá de principios do outono, levábamos aos cativos por primeira vez a Teixido, ao pouco de chegar sentimos a nova de que morrera un señor na misa, o párroco concertou cunha filla do falecido e os demais devotos a continuación do culto co corpo do finado presente (algúns medios de comunicación recolleron a nova). Ao finalizar a misa, e cando sacaban o cadáver da igrexa, as tendas cerraron as portas, a dependenta dunha delas, rogounos afablemente que pasaramos para o seu interior, pechou as portas e esperamos a que pasara o coche fúnebre, este curioso xesto tiña a intención de evitar que o mal do airedo morto alcanzara aos nosos nenos e a nós, un xesto de boa persoa que, a boa fe, en Teixido abundan.
![]() |
Amilladoiro cristianizado no camiño a Teixido |
Ídolo Fálico do Castro de Elviña (A Coruña) |
Na Galiza temos algún exemplo de estatuíñas fálicas; o Ídolo fálico do Castro de Elviña (A Coruña) que apareceu nunha grande cabana oval e a Figura antropomorfa fálica do Castro de Vilapedre (Concello de Sarria) queapareceu nunha zona extramuros entre o castro e a igrexa parroquial de San Miguel de Vilapedre.
Hermes cuadrifaz de Pontedeume |
Foto de A Plástica da Cultura Castrexa. Francisco Calo Lourido |
Pía de tres cabezas con esvástica solar de San Andrés de Teixido |
Non cabe dúbida que os ritos en San Andrés de Teixido son reflexo dunha relixión prerromana anterior, pero hai máis:
![]() |
Herba de Namorar en Teixido |
O teixoé a árbore da morte por excelencia na Europa antiga, as súas vermellas bagas foron utilizadas polos guerreiros cántabros e galaicos para os seus suicidios colectivos en Cantabria e no Monte Medulio.
![]() |
Sanandresiños |
Á herba de namorar, ou herbas namoradeiras, a chamada caravel mariño atribúenlle propiedades para namorar á persoa desexada, ata o século XIX o seu efecto escandalizou ao Padre Sarmiento que fai unha crítica durísima das prácticas amorosas no mesmo santuario, tamén atópase nos arredores os xuncos de ben parir.
As ofrendas de todo tipo dentro do santuario son de bazar post-moderno, os peregrinos deixan ante o altar esmolas, algún exvoto de cera, que soe representar a parte do corpo que o Santo André curou, pero tamén ofrécense maquetas de barco, muletas, e ata cadaleitos, hai anos con bastante profusión ata que a falta de espazo freou a tradición, eran ofrecidos polos peregrinos que se libraran de enfermidades mortais.
As lendas das almas en pena, da Compaña (que non tiña nada de santa), das caliveras, os ritos de tirar o pan na fonte, o ramo de San Andrés, a pía de tres cabezas e esvástica solar (s. VI?), …. son elementos que amosan uns ritos pagáns moi enraizados no entorno do santuario de San Andrés.
O símbolo; a Cruz de aspas. Cara finais da Idade Media, en Occidente, San André adopta coma símbolo a cruz de aspas, unha tradición popular que non se apoia en ningunha fonte escrita, a cruz de aspas é o símbolo esquematizado do sol, na nosa terra atopámolo nas estelas funerarias romanas de Vigo do s. IV , e tamén nas aras dedicadas aoDeus Lar do castro de Donón, Bero Breo, o noso deus dos camiños. O Castro de Donón no Monte do Facho, preto da parroquia canguesa de Hío, protexida polo santo André onde o día de San Roque celébrase a antiquísima Danza dos Peregrinos no entorno da igrexa de San Andrés que loce na súa porta a cruz lobulada presente na plástica castrexa dos castros de Santa Trega e Cividade de Ancora (Viana do Castelo)[17]. O Monte Facho é o primeiro lugar de peregrinación da relixión pagá indíxena coñecido, aquí atópanse os derradeiros vestixios dunha relixión castrexa nos seus últimos días, os devotos ao deus dos camiños Bero Breo, DEO LARI BERO BREO”, que André Pena Graña traduce coma: “Ao Deus Lar” DEO LARI, “ de Moi Alta” BERO , “Amurallada Cidade”, quizás etimoloxicamente “Alta-Ciudadela” BREO, apunta Pena Graña que no “Deus Lar”, o elemento determinante Lar refírese a un condutor e receptor dos mortos, un psychopompos coma o noso San Pedro pescador de almas, e que a amurallada cidade que lle sirve de epíteto representa o Paraíso coas súas dúas portas, afirma Pena Graña, con seguridade, o carácter especificamente celta de DONÓN> *Dŭbnōnem, outra forma de *Dŭbnōs, o Deus Celta dos mortos que recibiu culto, testemuñado con case unha cincuentena de aras, no Facho de Donón, enfronte das Illas Sies (Cies) = insulae Deorum de PLINIO (N. H. IV, 119) qevnnhsoide PTOLOMEO (2, 6, 63)[18].
Guerreiro de Meixedo (Portugal) |
Ao Castro deDonón viñan de diferentes puntos da comarca, mercaban as aras votivas dun metro de altura nos canteiros locais, case todas levan a inscrición do deus dos mortos e a cruz de San Andrés (a cruz de aspas), a representación castrexa do Sol, eran aras oferentes dos vivos que salvaran dunha morte segura dedicadas ao deus dos camiños Lar Bero Breo, estas aras farían a mesma función que os modernos cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme (As Neves), o mesmo rito que se prohibiu en San Andrés de Hío, en San Andrés de Teixido…
![]() |
Ara ao Deus Beo Breo. Donón |
As almas dos mortos (a Compaña, moitos anos despois, no imaxinario popular) acompañadas e protexidas polo deus dos camiños e dos mortos chamado Breo, Breogán, Bran, Bandua, embarcarán na barca (quizais de pedra tamén), a Barca de Caronte na mitoloxía grega, e emprenderán a viaxe ás Illas Marabillosas, a Illa da Eterna Xuventude, cara a morada de Don, o deus da morte.
Os ritos de Teixido amosan uns cultos ancestrais ao deus dos camiños, o deus dos mortos, a pía oferente de tres cabezas que semella ser do século III ao VI, mostra un culto antiquísimo, cristianizado lixeiramente, sen moita convicción, polos diferentes protagonistas da nova relixión, e quen sabe?, é posible que os seguidores de Prisciliano, tan dados a asimilar a cultura pagá sen apenas modificar os ritos, foran os primeiros encargados da cristianización destes.
A San Andrés de Teixido van os vivos acompañando aos mortos, os mortos sen compañía, reencarnados en animais reptantes, ninguén se ceiba da viaxe ao Alén, ningún galeg@ deixa de gozar desa fermosa paixase, ninguén faltará á tradición;
A San Andrés de Teixido vai de morto o que non vai de vivo.
Post Data:
Non esquezan de mercar os Sanandresiños, para protexerse do que poida pasar.
Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com
Ata sempre e bo proveito, Gonzo anosahistoria1@gmail.com
Bibliografía
OTERO PEDRAYO, R. Pelerinaxes I (Itinerario d´Ourense ao San Andrés de Teixido), Editorial Nós. A Cruña, 1929.
ALONSO ROMERO, F. Santos e barcos de pedra. Edicións Xerais, Vigo, 1991
RAMIL GONZÁLEZ, E. PICOS BRAGE, F. A rehabilitaciónda Capela de San Xiao de Trebo, Deputación Provincial da Coruña. A Coruña, 2002.
GARCÍA TATO, I. Las encomiendas gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén, Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Santiago de Compostela, 2004.
ARMADA PITA, X.L. Cultos ancestrais e peregrinacións a Teixido http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/2183/8714/1/CC39art15ocr.pdf
PENA GRAÑA, A. San Andrés De Teixido, La Casa De Don Y El Santo Grial. Cristianismo Celta y paganismo residual en la Gallaecia Bajo Imperial II Parte.http://www.celtiberia.net/articulo.asp?id=1734
CALO LOURIDO, Fco. A Plástica da Cultura Castrexa Galego-Portuguesa, TomosI e I I. Fundación Barrié de la Maza. Pontevedra 1992.
GARCÍA FERNANDEZ-ABALAT, B. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós o Castro, Sada, 1990.
GARCÍA FERNANDEZ-ABALAT, B. Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas, Ediciós o Castro, Sada, 1990.
LÓPEZ LOUREIRO, R. Samaín: A Festa das Caliveras. Ir Indo Edicións, Vigo, 2003
TABOADA CHIVITE, La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975.
BALBOA SALGADO, A. A Galicia Celta, Edicións Lóstrego. Santiago de Compostela, 2007
[1]Pax. 199. Pelerinaxes I
[2] Pax. 122ss. Santos e barcos de pedra
[3] Pax 114 Santos e barcos de pedra
[4]Pax. 113 Santos e barcos de pedra
[5]Pelerinaxes I (Itinerario d´Ourense ao San Andrés de Teixido)
[6]Pax. 341 CULTOS ANCESTRAIS E PEREGRINACIÓNS A TEIXIDO http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/2183/8714/1/CC39art15ocr.pdf
[7]Pax. 67. Las encomiendas gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén
[9] Pax.33 Las encomiendas gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén http://books.google.es/books?id=iM8qED4hL_wC&pg=PA65&hl=es&source=gbs_selected_pages&cad=3#v=onepage&q&f=false
[10]Pax. 116. Santos e barcos de pedra
[11]Pax. 337 CULTOS ANCESTRAIS E PEREGRINACIÓNS A TEIXIDO http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/2183/8714/1/CC39art15ocr.pdf
[12] Pax. 102 La encrucijada en el folklore de Galicia. Boletín Auriense. T. 5. 1975.
[13]Pax. 67-69, A plástica da cultura castrexa
[16]Pax. 118. Santos e barcos de pedra
[17]Pax. 80, 589. A plástica da cultura castrexa II
[18] PENA GRAÑA, A. San Andrés De Teixido, La Casa De Don Y El Santo Grial. Cristianismo Celta y paganismo residual en la Gallaecia Bajo Imperial II Parte.
[19]Pax. 130. Santos e barcos de pedra.