Quantcast
Channel: A Nosa Historia
Viewing all articles
Browse latest Browse all 63

Arentía; deusa castrexa e templarios nas terras de Boimorto

$
0
0
San Vitorio na fonte e Capela de Arentía ao fondo

Cara finais do século XII, as ordes relixiosas do Temple e o Cister levaban uns anos incrementando ás súas posesións no reino de Galicia. Unha carta datada en marzo do ano 1180 infórmanos da doazón das terras de Orreos (Orros), Sancto Martino de Andauaa (Andabao) e Buazu (Buazo), no concello de Boimorto, aos monxes cistercienses do Mosteiro de Superaddo (Sobrado)(1) . Por este anos a familia dos condes de Traba tecía as súas arañeiras feudais pola comarca; Urraca, filla de Pedro Froiláz, funda o Mosteiro de Dormiana (Dormeá, Boimorto), Fernando, o seu irmán, convertérase no conde máis influinte de Galicia e cedía terreos ao Cister(2) e ao Temple para asentar estas orde no reino de Galicia. Mentres, San Martiño xa levaba uns anos exercendo de protector espiritual da parroquia de Andabao, mais en Arentía, lugar desa parroquia, que pasaba?.

Porta Capela de Arentía

En Arentia, hai unha capela baixo a protección de San Cidre e á súa dona Santa María da Cabeza, é un templo de certa entidade, duns 22 metros de longo por 8 de ancho, orientado ao suroeste. Destaca, sobre a fachada máis moderna, unha porta principal con arco de medio punto abocelado (con molduras cilíndricas) - o que nos indica unha feitura románica dos séculos XII - XIV -, no seu lado esquerdo apréciase unha esquematizada e desgastada cruz céltica patada(3) , signo típico da Orde do Temple, no seu dereito, puido ter algún tipo de gravado xa que se distingue que foi desbastada a pedra.

Cruz templaria. Capela de Arentía
 Preto da capela a uns 20 metros hai unha fonte (lamentablemente reconvertida en lavadoiro no século XX) da que destaca un frontón triangular cun oco no centro onde se atopa unha figuriña de madeira labrada de San Vitorio vestido de monxe cunha cruz grega no peito, a fonte ten tres canos (un xa non bota), cada santo ten o seu, máis só o de San Vitorio ten propiedades curativas. Ao nordés da capela, distante uns 120 metros, atópase un cruceiro de factura sinxela presidindo o descampado da festa.
Hoxe en día festéxase o día de San Cidre cunha romaría o 16 de maio, hai procesión arredor da capela e xantares populares, soen ser dous días de festa de moita sona na comarca.

San Vitorio na Fonte de Arentía
 San Vitorio foi santo mártir romano na Palestina, unha terra que os templarios coñecen ben -en Xerusalén forxouse a Orde do Temple- polo que é posible que os templarios foran devotos de San Vitorio, máis a veneración a este santo en Galicia vén de antigo(4) , un documento do ano 929 fálanos da fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello de O Saviñao, que se di, anos despois, a súa igrexa, pertenceu á Orde do Temple(5).

Cruceiro de San Vitorio. Presqueira (Baños de Molgas)
cristianizando un petroglifo
 Capelas con advocación a San Vitorio hai algunhas en Galicia, case todas con fonte de augas curativas, a da Mezquita en Allariz con fonte santa, a Capela de Damil en Begonte (Lugo) con cruz templaria na ventá esquerda e fonte santa, a de San Vitorio de Arrabaldo (Ourense), a de San Vitorio dos Caínzos Cambás en Aranga que foi dominio cisterciense con presenza templaria,...
A devoción a San Cidre -o San Isidro Labrador- ten unha relación cos templarios máis marcada, xa que é un santo contemporáneo destes. Logo da batalla das Navas de Tolosa, onde os templarios tiveron unha actuación destacada, a lenda di que foi San Isidro o guía dos cristiáns na batalla, os templarios veneraron tanto a San Cidre coma á súa dona Santa María da Cabeza e ao seu fillo San Illán .


Capela de San Cidre. Arentía
 Como vimos a parroquia de Andabao estaba baixo o dominio da Orde do Cister dende o ano 1180 e sabemos, tamén, das estreitas relacións que habia entre a Orde do Cister, a familia dos Condes de Traba e o Temple, que a capela teña unha cruz patada no lado esquerdo da porta e que a figura de San Vitorio da fonte vista como un monxe templario(6) indícanos, sen dúbida, que serían os templarios os encargados de cristianizar ou reforzar os cultos cristiáns dunha fonte onde, nese século XII, aínda recibiría visitas da veciñanza da zona(7) para realizar os seus ritos ou festas pagás. Os templarios sentían especial atracción por estes lugares de adoración seculares, unha bula papal do 1145 permítelles construír as súas propias igrexas e capelas cos seus capeláns(8) , templos erixidos, normalmente, en lugares de tradición ancestral, e na nosa terra, ademais, ao pe dos camiños de peregrinación á Compostela. San Mamede de Moldesé un caso típico de cristianización de cultos pagáns polos templarios en Galicia , a Capela da Nosa Sra. da Fonte (Compostela) e San Pedro de Trasalba son outros exemplos.
A tradición, sobre todo no medio rural, é teimuda e a sona da divindade castrexa de Arentía seguramente atraería moitos devotos pagáns, quen sería, pois, a divindade de Arentía?.

Ara adicada a Arentia e Arentio
 Arentiaé unha deusa céltica prerromana. Na península hai 9 inscricións nas que aparecen dedicacións a estas dúas divindades; Arentia e Arentio, apareceron nun marco xeográfico moi concreto entre o Castelo Branco no este portugués e o municipio cacereño de Coria (Carium), en catro das nove inscripcións aparecen coma parella divina. Nesta rexión do norte da Lusitania estas divindades coexistían con outras divindades máis coñecidas na Gallaecia coma Bandua ou Reve.

Ara a Arentio
 J.Rodríguez describía a Arentius e Arentia coma dúas divindades xemelgas, Hurtado apuntaba a posibilidade de que se tratarse dun par divino semellante á parella Apolo –Diana. Olivares Pedreño é de semellante opinión e considera que os Mercurio e Apolo indíxenas son as dúas divindades que máis se acercan ao perfil relixioso de Arentius e baralla dúas posibilidades; que se trate da parella Apolo céltico e unha divindade de carácter terapéutico (con poderes curativos) coma os Apolo Grannus e Diana Sirona ou Boruo (Apolo céltico) e Damona, a mesma parella que Bormanus e Bormana (estas divindades estaban vinculadas a santuarios de augas termais) . No caso do Mercurio céltico sería Mercurio Visucius e Visucia ou Mercurio e Rosmerta , deusa da abundancia(9) .
Na nosa Arentia, todo indica que sería unha deusa da caste terapeutica xa que as propiedades curativas da fonte así o indican.
O curioso de Arentía é que teñamos tres santos compartindo o mesmo espazo.

Cabe a posibilidade que a fonte, nos anos anteriores á chegada dos templarios, tivese a advocación a San Vitorio, e aqueles atoparan unha fonte, con dedicación a un santo da súa devoción pero sen a forza suficiente para dobregar, nin facer esquecer, a sona da deusa Arentia e, -aquí seguimos a Olivares- tampouco do seu par divino masculino que sería o Apolo céltico (deus do Sol) – o máis acaído, ao noso entender- ,ou sexa Arentio, un deus semellante ao pancélticoLug, recordemos que na Festa do Lugnadah os pobos agradecen a Lug os froitos da colleita, é a gran festa do labrego celta.

Cruceiro, campo da festa e capela de Arentía
 
San Vitorio de Arrabaldo, Ourense
 coa súa cabeza cortada
 Non hai que esquecer que as trebas castrexas (populus para os romanos) e os seus castros podían ter un deus con diferentes denominacións para a mesma función en comarcas relativamente cercanas unhas das outras(10) , polo que Arentio ben poido ser o Lug da zona de Boimorto. Os templarios botarían man de San Cidre (o santo das colleitas) e a súa dona Santa María da Cabeza (tamén milagreira) para suplir a Arentio e Arentia respectivamente. Os tres canos da fonte é posible que xa existiran respondendo ao carácter sagrado do número(11) , os templarios que asumen a súa función de sincronizadores das diferentes culturas pagás co cristianismo, outorgarían un cano a cada un dos santos, conservando San Vitorio -o primeiro santo en arrivar para cristianizar a fonte da deusa Arentia- a función curativa.
Arentía atópase nun lugar elevado da comarca, dende a capela domínanse as terras do sur do concello de Boimorto e parte do Concello de Arzúa, cunha magnífica explanada, sería- e aínda o é hoxe en día- un lugar inmellorable para conmemorar as festas da divindade solar. Se efectivamente o Lug de Boimorto, Arentio, era tamén adorado en Arentía, enténdese perfectamente que os templarios procurasen un reforzo para vencer a estas poderosas divindades, e este reforzo sería tamén un par, pero de santidades; San Cidre e Santa María da Cabeza. Os poderes terapéuticos de San Vitorio seguirían imperando nos ritos da fonte, pero San Cidre, como santo protector de gando e labregos, ocuparía o lugar de Arentio no campo da festa onde se realizaban os festíns ou celebracións de adoración ás divindades, o lugar que ocupa o templo, desde onde contemplarían ao deus solar deitarse. A festa maior en Arentía sería a festa do verán céltico, o Beltene, a actual festa dos Maios.

Pola súa posición xeográfica no vértice dun cruce de rutas que une o camiño que viña de Ponte Puñide (O Pino) entrando por Boado cara Sobrado(12) (Hospital e Ponte Présaras encamiñaban a San Pedro de Présaras, centro do sonado Condado Alto Medieval de Présaras) e o camiño que baixa cara Arzúa pasando por Boimorto onde se atopou -e alí está- un miliario romano do s. III, por esta posición estratéxica, diciamos, Arentía é lugar privilexiado para o control da ruta de peregrinos cara Santiago.

Mapa de camiños medievais de Elisa Priegue. Arentía en vermello
Polo seu tamaño é posible que a capela fose utilizada para o aloxamento de peregrinos, aínda que non hai constancia documental en templos templarios, era unha práctica común nas igrexas de peregrinación medievais. Elisa Priegue indícanos a existencia dun antigo camiño dende Sobrado a Santiago pasando por Boado e Ponte Puñide. A ruta de peregrinación dende Sobrado, pasando por Présaras que tiña que salvar o río Tambre en Ponte Présaras(13) , logo; Hospital(14) , Arentía, Ponte Boado, Boado,… e Ponte Puñide ata Compostela sería máis lóxica que a do Camiño do Norte que baixa cara Arzúa que, ata o século XII, non temos probas documentais da súa existencia(15) . O actual camiño norte cara Arzúa sería unha importante vía de comunicación das minas romanas de Arzúa co campamento romano de Cidadela e Brigantium (A Coruña), mais non como ruta de peregrinación na Alta Idade Media. Sobre todo, na Alta Idade Media, en pleno apoxeo do Condado de Présaras, a ruta de peregrinación lóxica e natural sería en linea recta por Arentía, buscando a seguridade que ofrecerían os templarios, os condes de Présaras e o aforro en tempo da viaxe, ademais, a existencia nesta ruta e naqueles tempos, en cada 4 quilómetros -de media-, dunha parroquia, aseguraban ao peregrino un lugar para a súa manutención e descanso(16) .

Unha das dúas pedrafitas do cruce de Andabao,
Ponte Présaras e Arentía
 Os templarios eran sobre todo protectores de peregrinos e lugares santos, o lugar de Arentía co seu poder sagrado ancestral no medio dunha ruta de peregrinación era o sitio idóneo para erixir unha capela e posiblemente algunha casa veciña para realizar a función de cristianización de cultos pagáns e as tarefas de protectores do camiño, a partir do século XIII, co auxe da vila de Arzúa e a ruta francesa, os peregrinos recuperan o ancestral camiño que marcaba o miliario de Boimorto e que hoxe chaman Camiño do Norte.

[1] Tumbo I, fol. 133 r.y v. nº437 pax. 395. Tumbos de Sobrados dos Monxes.
[2]No 1142, o Mosteiro de Sobrado, coas súas posesións, é doado polos Condes de Traba á Orde do Cister.
[3] Outras cruces célticas templarias atópanse en; Mosteiro de Vilar de Donas (Palas de Rei), Igrexa da Nosa Sra. das Areas (Fisterra), Igrexa de Taboada dos Freires (Taboada, Lugo), esta igrexa é a única de Galicia que ten documentación que  proba a súa pertenencia ao Temple. A súa cruz é moi semellante á de Arentía.
[4] O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919) ; p. 142-144.
[5] Pax. 242 nalgures II.
[6]As cores da túnica e da cruz, en azul e dourado en troques de branca e vermella, é normal logo da persecución que sufriu o Temple no século XIV, ademais, a cultura popular durante estes anos non conservaría o recordo destes detalles.
[7] O Castro das Medorras (Buazo), O Castro (Cardeiro), Castro de Corredoiras (Os Ánxeles), os castros da Algalia e do Coto da Roda en Dormeá, etc...
[8]A bula Militia Dei (Soldados de Deus), foi promulgada polo papa Uxío III (que foi abade do Cister) no 1145 co obxecto de asentar os privilexios da Orde consolidando a independencia da mesma respecto ao clero secular.Nela  recoñéceselle á Orde o dereito a recadar tributos, a enterrar os seus mortos nos seus propios cemiterios e a posuír as súas propias igrexas.

[10]Madrid, 1984, 98-94 J. C. Oliverais Pedreño, "Los dioses célticos en el occidente europeo y el panteón hispano”.
[11] Os trisquéis representando as tres fases solares (os tres pasos) e os deuses dos camiños coas imaxes de tres caras, son os exemplos máis acaídos da Trindade Céltica.
[12] Pax.127 e 192. Los caminos medievales de Galicia.
[13]Ano 1151: Pontem Presaris, et per illum riuum Tamarela. Pax. 192. Los caminos medievales de Galicia.
[14] O topónimo Hospital indica a existencia dun antigo lugar de atención a peregrinos.
[15]Vilanova de Arzúa aparece documentada por primeira vez no Codex Calixtinus. s. XII.

[16]Santiago de Boado, San Xulián de Céltigos, Sta. Mª de Gafoi, S. Pedro de Aiazo, San Román,…

Bibliografía


-FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.
-CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.
-Revista de Ciencias de las Religiones. Nº 4, 1999.
-O Privilexio de fundación do Mosteiro de San Vitorio de Ribas do Miño outorgado polo rei Ramiro II data do 929. Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense. -- T. 6, n. 128 (sept.-oct. 1919)
-PEREIRA MARTINEZ, C. http://www.estudioshistoricos.com/revista/nalgures2.pdf 

Autor: Celso Alberte Magariños Costas. celsomagarinhos@gmail.com

Viewing all articles
Browse latest Browse all 63

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú